«Nesta ocasión será máis fácil o acordo das esquerdas»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida FENE / LA VOZ

FENE

Juventino Trigo, candidato do BNG en Fene
Juventino Trigo, candidato do BNG en Fene CESAR TOIMIL

Juventino Trigo, candidato do BNG por Fene, Incide en que con «xente nova nos partidos teremos máis posibilidades de negociar» e defende os logros en urbanismo

23 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Fene, territorio con risco de seísmo político. Como manda a tradición, o 28M vivirase como unha xornada de infarto neste concello. Agora goberna o BNG con seis edís, nunha corporación de dezasete, xunto coa concelleira de Esquerda Unida. O candidato nacionalista é Juventino Trigo (Fene, 1962).

—Fene é un concello politicamente complicado?

—A campaña do BNG é moi positiva. Pero en Fene sempre se presenta un partido pola dereita, e polas esquerdas van tres e houbo anos de cinco. E iso fragmenta moito os votos. Pero o 60% de Fene segue votando á esquerda e o resto á dereita.

—Preocúpalle máis a negociación que os resultados?

—Queremos gañar para gobernar sós, pero moitas veces son máis complicadas as negociacións. Nesta ocasión será máis fácil o acordo de esquerdas, hai xente nova nos partidos e teremos máis posibilidades de negociar.

—Logros deste mandato?

—Durante case un ano gobernou o PP, cunha moción de censura chegamos en febreiro de 2020 e en marzo estaba a pandemia. Pero puidemos derrubar as naves de Fondomar na fachada marítima de Barallobre, logramos o punto limpo e máis aparcadoiros tanto no centro como nas praias, o paso a nivel de Perlío, a xestión con Sepes para o centro de saúde, volvemos a ser referentes en cultura e deportes, modificamos o plan de Urbanismo para facilitar a construción de vivendas e isto non se facía desde hai 15 anos.

—Por que cre que nun concello tradicionalmente de esquerdas como este subiu tanto o PP na última década?

—Hai oito anos presentáronse cinco candidaturas dentro das esquerdas: desde unha agrupación como Podemos, ata Somos Fene, PSOE, BNG, Esquerda Unida... Iso fragmenta á esquerda. Pero insisto en que o 60% do electorado de Fene vota ás esquerdas.