Os tres centros conmemoran o Día Internacional dos Museos, que se celebra o 18 de maio
17 may 2022 . Actualizado a las 13:07 h.
O Museo do Humor de Fene conmemora o Día dos Museos co lanzamento e a presentación dunha visita virtual ao centro, á que se poderá acceder dende a web do Concello e o microsite do centro. É a primeira das actividades promovidas pola Concellería de Cultura dentro do ciclo ao redor da exposición Volta á orixe, de Xaquín Marín. O espazo do museo será accesible dende calquera computadora ou dispositivo móbil con conexión a Internet, e a sensación semellarase á de estar na sala.
O Museo Etnográfico da Capela celebra hoxe unha xornada de portas abertas, de 11.00 a 13.30 e de 16.00 a 20.00 horas, para festexar por anticipado o Día Internacional dos Museos, que é o 18. Hai unha visita guiada á escola (12.00 horas) e outra teatralizada á casa do pazo, con pases ás 16.30 e ás 18.00 horas. As prazas son limitadas e hai que reservar no 981 459 380 ou 678 713 971. «Os museos teñen o poder de transformar o mundo. Como lugares incomparables de descubrimento, amósannos o noso pasado e abren as nosas mentes a novas ideas, dous pasos esenciais para construír un futuro mellor», reza o cartel desta xornada do centro de A Capela.
O Museo Mares de Cedeira tamén vai celebrar o Día dos Museos cunha actividade especial, o mércores pola mañá, co alumnado de 3.º e 4.º de Primaria do CEIP Nicolás do Río. Divulgarán entre os escolares o labor que se desenrola no centro, que vai moito máis aló de poñer obxectos nas vitrinas. «Este día especial ímolo dedicar á investigación nos museos, e para demostrar o interesante e o divertido que pode ser, imos facer un xogo de pistas, onde descubrirán como investigar, o valor dos obxectos e do medio mariño, o traballo pesqueiro e marisqueiro en Cedeira...», explica a directora, Lucía Brage. «A ver se descubrimos algún museólogo en potencia», engade.