Xaquín Marín volta á orixe en Fene

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

FENE

08 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ovenres, día 6, o Museo do Humor de Fene homenaxeou a quen fora o seu director entre os anos 1984 e 2008, o debuxante Xaquín Marín, cunha mostra antolóxica da súa obra que titula Volta á orixe. Varias veces eloxiei a arte do meu colega e amigo en catálogos, artigos xornalísticos e presentacións de exposicións, e fíxeno sempre afervoadamente; porén todo canto levo dito resulta insuficiente ante a mostra do Museo, que so podía facerse coa obra dun artista extraordinario e coa colaboración dun comisario como Alexandre Marín, fillo do artista.

Na inauguración recordou Alexandre unha viñeta do pai, publicada hai varios anos, na que un artista novo comentaba que para facer arte moderna hai que beber nas fontes de New York e unha vella respondíalle: «Pois moita sede vas pasar». Xaquín Marín non necesitou beber en fontes alleas porque de neno foi beber á Fonte do Campo, onde hoxe está o Museo do Humor, caeu na pía e bebeu tanta auga que puido debuxar sesenta anos facendo unha obra absolutamente galega e universal.

Coñezo a obra que Xaquín Marín fixo neses 60 anos e, endebén, ao vela reunida na mostra do Museo do Humor, sentinme tan abraiado como se acabase de descubrila. Ese conxunto de pinturas de mocidade, debuxos de humor, banda deseñada e carteis pódense levar ás mellores galerías de arte do mundo, porque a mostra Volta á orixe é a exposición antolóxica dun dos grandes debuxantes do mundo. Non esaxero, nin me cega a amizade. Xaquín Marín é un dos grandes debuxantes do mundo porque moi novo creou un estilo absolutamente persoal, que lle permitiu enfrontarse a calquera tarefa con éxito e deixando nela —fose cal fose— o sabor galego da Fonte do Campo.