Rafael Corbalán, experto de Fene en reloxos de sol: «Son os que de verdade nos falan do tempo real e das súas horas»

FENE

Corbalán leva décadas perfeccionando as técnicas de construción dos reloxos de sol
Corbalán leva décadas perfeccionando as técnicas de construción dos reloxos de sol JOSE PARDO

Reivindica a tradición de medir o ritmo da existencia mirando cambiar a luz do ceo

15 mar 2021 . Actualizado a las 16:43 h.

Rafael Corbalán (70 anos) mantén viva a tradición de medir o tempo con reloxos de sol. Home sempre vencellado ao mundo da cultura galega, ademais de firme defensor da protección da natureza e fondo coñecedor dos grandes ecosistemas do país, non só é un gran estudoso da historia dos reloxos que marcan o paso das horas en función da inclinación dos raios solares, senón que el mesmo, un auténtico artista, fabrica eses reloxos tamén, que hoxe son vistos como verdadeiros obxectos de colección. Persoa sempre xenerosa e desinteresada, ademais de gran lector e excelente conversador, acode, co maior dos entusiasmos, a calquera lugar no que a xente trata de poñer a funcionar de novo un vello reloxo solar. E afirma que, lonxe de ser iso unha concesión á nostalxia, está convencido de que os reloxos de sol, aínda que estiveron a piques de desaparecer por completo, volverán ter o seu lugar nunha Galicia que posuíu (nos seus pazos e nos seus mosteiros, nas súas igrexas e nalgún caso ata nos seus hórreos) algúns dos reloxos dese tipo máis fermosos do mundo.

-Ao longo de toda a súa vida laboral, vostede foi traballador de Astano...

-Si, desde os catorce anos.

-E tamén estivo moi vencellado ao mundo da música. Foi gaiteiro do grupo os Acivros.

-E, ademais de gaiteiro, tamén fun rondallista, ainda que por desgraza a rondalla na que estiven durou moi poucos anos.

-¿Como xurdiu o seu interese polos reloxos de sol?

-Naceu a través dun amigo xa falecido, Julio López Allegue, que era de Sillobre, como son eu. Julio conservaba, incluso, algún tratado antigo sobre a construción destes reloxos. E lendo aqueles libros, e compartindo o seu entusiasmo, pouco a pouco me fun adentrando nese mundo. Despois comecei a facer eu mesmo os reloxos. E así, ata hoxe.

-¿Que nos pode dar un reloxo de sol que non nos dea ningún outro?

-Os reloxos de sol son os que de verdade nos falan do tempo real e das súas horas.

-Cando fala do tempo real, ¿a que se refire?

-Quero dicir que, en contra do que case sempre pensamos, na natureza as horas non son todas iguais. A nosa percepción do tempo non se axusta á realidade. O ritmo do sol varía, non sempre é o mesmo ao longo do ano, por iso tamén son distintas as horas. E só un reloxo de sol pode reflectir iso. Un reloxo mecánico, ou electrónico, non pode servirlle de espello á auténtica natureza do tempo. Ademais, cada lugar ten a súa propia hora. E os reloxos que hoxe utilizamos o que fan e unificar a medida do tempo, pero dun xeito que non é verdadeiramente preciso. Aínda que eu tamén comprendo que iso se fixo conforme o mundo evolucionaba, porque non podemos ter unha hora distinta en cada cidade. Pero as cousas non sempre foron así.

-¡É vostede un verdadeiro namorado das horas do sol...!

-Si, claro. Como o foron todos os nosos devanceiros.

«A orientación é fundamental, e hai que facela cunha precisión absoluta»

«Os nosos avós sabían calcular moi ben a hora do día, aínda que non tivesen reloxo ningún, con só mirar a posición na que estaba o sol -di Rafael Corbalán-. Iso está fortemente unido á nosa maneira de vivir. E os reloxos de sol, tal e como hoxe os coñecemos, veñen da antigüidade. De feito -continúa-, todo parece indicar que no antigo Exipto ata os grandes obeliscos servían tamén, xa daquela, para marcar, coa súa sombra, o paso do tempo».

-Nun reloxo de sol, ¿que é o máis importante?

-Que estea ben orientado. A orientación é fundamental, e hai que facela cunha precisión absoluta. O bo funcionamento do reloxo depende diso por completo.

-Ao longo dos séculos, Galicia contou con reloxos de sol de extraordinaria beleza.

-Si, e por sorte aínda se conservan moitos deles. Non había pazo que non tivese un bo reloxo de sol, e algúns eran pezas escultóricas magníficas. Tamén había bos reloxos de sol, por exemplo, nas igrexas, onde eran importantísimos, porque nelas saber a hora con precisión era imprescindible para que os toques das campás puideran comezar no comezo preciso.

-Vostede, para os seus reloxos, adoita utilizar mármore.

-Si, gústame o mármore, porque é unha pedra que se deixa traballar moi ben. Pero os vellos reloxos de sol de Galicia son case todos de granito, aínda que tamén os hai de lousa en comarcas coma a da Terra Chá.

-¿Que sente cando, en calquera rincón de Galicia, encontra un vello reloxo de sol que non coñecía?

-Pois sinto que, ollando para el, estou vendo pasar o tempo como o viron pasar todos cantos viviron antes que nós. Todos os que marcharon, os que xa non están. E niso hai algo que nos une con moita forza ás nosas raíces.