Tomás Corral: «Os bosques de Galicia son un tesouro que ás veces non sabemos valorar»

Ramón Loureiro Calvo
RAMÓN LOUREIRO FERROL / LA VOZ

FENE

CESAR TOIMIL

O presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Sillobre insiste na necesidade de coidar os montes comunais para as «xeracións do futuro»

08 mar 2021 . Actualizado a las 12:08 h.

Tomás Corral (50 anos) é o presidente da Comunidade de Montes en Man Común de Sillobre, en Fene. Lidera unha entidade que, ao longo dos últimos anos, se veu convertendo nun verdadeiro exemplo no ámbito das comunidades de montes galegas, pola súa contribución á preservación da paisaxe, á recuperación do ecosistema e á rexeneración do bosque. «Os comuneiros de Sillobre -di Tomás- xamais contemplamos o monte comunal como un recurso económico, senón como un ben de toda a sociedade». «É certo que unha superficie coma esta, dedicada a especies de crecemento rápido, podería xerar un certo rendemento monetario -engade Tomás-, pero o noso proxecto non pasa por sacar diñeiro de monte. O que nós queremos é que un lugar tan especial coma este reciba os coidados que merece. E que estea aberto a todo o mundo. Iso si: o que lle pedimos á xente que vén ver os montes de Marraxón é que coide a natureza como nós a coidamos».

-Moitas horas bota vostede no monte...!

-Boto moitas horas no monte, si. Todo o ano. O tempo que o traballo me deixa libre. Pero non me pesa facelo. Eu, no monte, síntome feliz. E ademais son consciente de que os galegos temos que coidar os montes comunais para as xeracións do futuro. Os bosques de Galicia son un tesouro que ás veces non sabemos valorar.

-Como sobrevive, en pleno século XXI, a institución dos montes en man común, que é unha herdanza do tempo dos suevos? Como se adapta a tradición que os sustenta, na que persoas diferentes comparten en irmandade a propiedade dun mesmo ben, a uns tempos coma os nosos?

-Pois é algo que sobrevive formidablemente ben no noso tempo. Na Galicia tradicional foi moi importante o uso compartido de determinadas propiedades. A auga, sen ir máis lonxe. Hoxe, no que atinxe aos sistemas de regadío, iso xa pasou un pouco á historia, pero non no caso dos montes. Porque os montes comunais son unha oportunidade magnífica que temos os galegos para, traballando xuntos, preservar o noso patrimonio natural. E non só o natural.

-No caso de Marraxón, o seu valor non se limita ao ecolóxico...

-Exactamente. Está mal que nós o digamos, pero os montes comunais de Sillobre son un dos lugares máis fermosos de Galicia. O valor paisaxístico é extraordinario. Desde o Coto do Rei ves A Coruña, ves o mar aberto, ves o litoral do norte, ves as terras do Eume, ves os camiños que levan á Terra Chá. E estás case á beira da fraga do Belelle, que é un bosque atlántico magnífico e non demasiado coñecido. Pero ademais tamén temos un grande patrimonio arqueolóxico: os nosos túmulos megalíticos. E moitas cousas máis, ás que aínda non se lles dá o valor que teñen!

-Por exemplo?

-Centos de muros de «pedra seca», forma de construción que a Unesco declarou nada menos que Patrimonio Mundial.

«Loitar contra os incendios forestais e acabar con eles é algo que está na man de todos»

«Que ninguén se engane -di Tomás Corral-, loitar contra os incendios forestais e acabar con eles é algo que está na man de todos. Nun monte coidado non hai incendios. Hai que tomar conciencia da gravidade do problema, e asumir -sinala o presidente dos comuneiros de Sillobre- que un monte é algo vivo, un ecosistema que require coidados constantes».

-Vostedes, nos montes de Marraxón, prescindiron do eucalipto.

-Si, claro. O eucalipto é unha especie de crecemento rápido que nós queremos evitar. Interésanos, sobre todo, recuperar o bosque galego. E onde iso non é posible, seguimos contando con especies coma o piñeiro, que seguen sendo moi importantes para animais coma o esquío. Ademais, hai enclaves, dentro das terras comunais de Marraxón, nos que tamén plantamos algunhas especies ornamentais foráneas. E estamos moi contentos de facelo, porque iso, na súa xusta medida, tamén nos permite ter espazos nos que se aclimatan a Galicia árbores de grande valor ornamental, coma a Cryptomeria xapónica. A través das árbores, Galicia tamén dialoga con moitas culturas. Nós, ademais, contamos sempre coa axuda decidida do Concello de Fene, e iso é fundamental.