Juventino Trigo: «Levamos demasiado tempo de vinganzas e de mentiras en Fene»

O rexedor chega ao goberno decidido a pasar páxina co pasado e acabar coa inestabilidade política do municipio


Fene

Juventino Trigo (Fene, 1962) recuperou o venres o bastón de mando, ao prosperar a moción de censura promovida pola esquerda fenesa. Abre pois unha segunda etapa como rexedor.

-Primeiros días como alcalde. Que asuntos quere deixar pechados nesta primeira semana?

-Pois o prioritario é conformar as áreas de goberno. Despois loxicamente temos que poñernos ao día da situación real do Concello. E polo que temos visto, a situación económica do Concello é un auténtico caos. Está moito peor do que esperabamos.

-Os que chegan denuncian a mala xestión económica, e os que marchan din que a preocupación son os soldos. Repítese a historia cos papeis cambiados.

-Cando deixamos o goberno no 2018 a débeda cos provedores non chegaba aos 50.000 euros e actualmente é de 1.050.000 euros. E iso é un auténtico escándalo, porque o PP aprobou un orzamento no 2019. Tivemos chamadas de empresas que viven unha situación límite, en risco de peche polas débedas do Concello.

-Dígame algunha cousa positiva do goberno popular.

-Que seguiron coa maioría dos proxectos que tiñamos nós feitos, sobre todo os de obras. Un exemplo é a cuberta da pista do colexio Centieiras, que nós acordáramos coa comunidade educativa. Puidérono parar e, sen embargo, seguiu adiante.

-Falan de «pacto natural» entre BNG, PSOE e BNG. En xuño, non; pero agora si. Pode explicalo.

-É moi sinxelo. A maioría do grupo socialista, as súas concelleiras, non tiveron máis que ver durante sete meses cal era a actitude do PP e o caos que se vivía. Apreciaron nas súas carnes como actuaba o goberno. A falta de transparencia era total. Un concelleiro chegou a dicir ao ser preguntado por un expediente que o expediente era el.

-Pero cre realmente que sen a condena do alcalde por un delito contra a seguridade viaria, habería un goberno da esquerda?

-Eu penso que si.

-Nestes momentos?

-Non sei se neste momento ou dentro duns meses. A condena foi a gota que colmou o vaso. Non ten sentido que Gumersindo Galego se dera de baixa do PP para non prexudicar ao partido, e quedara na alcaldía aínda danando a imaxe da institución. Non o entendían nin no PP.

-Os populares e a agrupación local do PSOE din que vostede pactou con tránsfugas.

- De momento, as tres concelleiras socialistas que asinaron a moción seguen no PSOE. E todo indica que o PSdeG está por gobernos de progreso. En Fene, a Lei antitransfuguismo saltou polos aires coa moción do 2018.

-De todas as acusacións que lanzaron contra vostedes, cal foi a que máis lle ten molestado?

- O peor foi a actitude do exalcalde. Nun pleno no que o normal é agradecer a colaboración dos compañeiros, dedicouse a insultar, mentir e entrar en asuntos persoais. Por iso falabamos de que hai que rexenerar a vida política. En Fene levamos demasiado tempo de vinganzas e de mentiras.

-Cales van ser os piares do novo goberno de Fene?

- O primeiro é sanear as contas. Os provedores teñen que poder cobrar en 20 ou 30 días. E entre os proxectos que queremos que saian adiante está o derribo de Fondomar e máis da depuradora, que Portos non incluíu no seu proxecto, a rotonda de Santa Ana, a restauración da Casa de Cela, un asunto que leva unha década parado. Queremos activar un plan municipal de emprego, seguir coa mellora das beirarrúas en Limodre, Maniños e Barallobre e traballar na construción dun pequeno auditorio.

-Que aprendeu da anterior etapa na alcaldía que non vai repetir?

- Moitas cousas. Na outra etapa levábamos aquí tres meses e case que non sabíamos a quen lle tiñas que pedir un expediente. Era un goberno de novatos. Agora levamos aquí 72 horas e xa sabemos como están as obras, as contas.... E logo aprendín que hai que tirar para adiante cos teus proxectos sen esperar que todo o mundo che dea o parabén. Ao principio queriamos quedar ben con todo o mundo, mesmo coa oposición.

-Hai quen augura un futuro incerto para o novo tripartito.

- Estou convencido de que durará, por razóns políticas e pola sintonía persoal, que non ten nada coa de anteriores gobernos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
33 votos
Comentarios

Juventino Trigo: «Levamos demasiado tempo de vinganzas e de mentiras en Fene»