Carme Romero: «A cerámica é a arte máis completa, cada peza conta unha historia»

r. loureiro FERROL / LA VOZ

FENE

JOSE PARDO

«Hai que potenciar as humanidades, que son as que fan felices ás persoas», di a artista

04 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Carme Romero (Fene, 1964), ceramista, segue a traballar nun tema que para ela é especialmente querido: o das «meigas, sabias e mulleres boas». «É para reivindicar -di a artista- a sabiduría da xente que era coñecedora da medicina tradicional, das herbas, e que axudaba a sanar. E para fuxir da imaxe das bruxas, que é unha imaxe que nos queren impoñer e que vén de fóra» A súa próxima exposición será na Coruña.

-¿E de que maneira se pode reflectir na cerámica todo ese mundo?

-A cerámica para min é a arte máis completa, porque nela hai desde volumes ata cores, todo nunha mesma obra, e iso permite que unha peza poida contar unha historia. Que ademais é o que me gusta, contar historias. As nosas historias, sobre a nosa cultura. E no caso das mulleres das que falo, pois moi en especial, claro, porque son elas as que, a través de cerámica, me fan posible mostrar un mundo que case sempre está oculto. Estou pensando agora na peza que fixen sobre San Andrés de Teixido. Nela conto a historia dese lugar a través da figura de tres meigas, que son coma tres fontes. De tres meigas e das súas miradas. Da súa boca sae a auga dese lugar máxico. E despois, nesa mesma peza, tamén hai unha greca de lagartos, que supostamente son os animais nos que se transfiguras as ánimas para peregrinar a onde vai de morto quen no foi de vivo.

-¿Que lugar ocupa hoxe a cerámica dentro da arte galega?

-A cerámica, en Galicia, non está a recibir o recoñecemento que merece. Francisco Pérez Porto é un dos mellores ceramistas do mundo, e sen embargo aquí non se está a valorar a súa obra como debería valorarse. O aprezo pola cerámica caeu moito coa desaparición de Isaac Díaz Pardo. Este é un momento malo. Polo menos, no noso país.

-E o público, ¿como reacciona hoxe ante a cerámica?

-Á xente que vai ás exposicións, a cerámica encántalle. O público si apreza o noso traballo. Pero, a pesar diso, aquí expoñer o que fas é cada vez máis díficil. E, ademais, cada vez en peores condicións. En cambio, hai países, como Alemania, Francia e Portugal, nos que se valora moitísimo aos artistas que traballan a cerámica.

-¿Que habería que facer para que todo iso cambiase?

-O primeiro sería darlle valor á xente que de verdade sabe traballar a cerámica. Se ti tes o mellor mestre, iso vai permitir que deas o mellor que podes dar. E o ensino da cerámica tamén é moi importante para poder manter viva esa tradición en Galicia. Traballar coas mans e ver os resultados pode ser moi importante no mundo da educación, para os nenos. Hai que potenciar a creatividade. A creatividade e, por suposto, as humanidades, que son as que fan felices ás persoas, permiten que mostremos a nosa personalidade. Hai que saber valorar o que é un verdadeiro artista, o que a arte lle pode dar á sociedade.