Faustino Seco, educador: «Na aula, coma en todo, hai que usar as novas tecnoloxías con intelixencia»

r. loureiro FERROL

FENE

JOSE PARDO

Volve asumir a dirección do instituto Concepción Arenal, do que tamén foi alumno

03 jul 2018 . Actualizado a las 00:58 h.

A comezos dos anos oitenta (dos Oitenta por antonomasia, que naturalmente foron os do pasado século), Faustino Seco Penedo, que naceu en Fene en 1967, era alumno -excelente alumno, por certo- do instituto Concepción Arenal. Naqueles tempos daba, ademais, os seus primeiros pasos no mundo do atletismo, no que pouco despois chegaría a ser un excelente corredor dos 1.500 metros, un dos mellores do país. Tras formarse, como historiador, na Universidade de Santiago de Compostela, elixiu como profesión a docencia, na que acabaría por especializarse no ámbito da Educación Física. O deporte segue a ser para el unha paixón máis, aínda tantos anos despois de ter deixado o atletismo de alta competición. Educador fondamente comprometido coa calidade do ensino e coa cultura, asume, por segunda vez -xa desempeñou ese cargo noutra etapa, ademais do de xefe de estudos-, a dirección do Concepción Arenal, ese centro no que, tras ter sido alumno, leva desenvolvido a maior parte da súa carreira profesional como docente.

-Probablemente, repetir que «o Concepción Arenal non é un instituto máis» sexa caer, outra vez, no tópico. Pero non se resiste un a repetilo...

-Home, a min non me gusta dicir iso, porque son moi consciente de que, en toda a comarca, hai centros cun magnífico nivel educativo e con excelentes equipos docentes, como creo que temos no noso instituto. Pero, de todas maneiras, eu tampouco me resisto a dicir que o Concepción Arenal, o noso centro, xa ten un lugar propio na historia.

-¿As novas tecnoloxías cambiaron a educación?

-A educación está readaptándose constantemente ao seu entorno. En especial hoxe, cando as sociedades son tan cambiantes. O ensino non vive á marxe da sociedade, e hai poucas profesións que requiran unha actualización de coñecementos tan permanente como require a educación. Dito isto, eu querería subliñar que nas aulas, coma en todo, hai que usar as novas tecnoloxías con intelixencia. A aula é un espazo educativo. O que a nós nos interesa é o que repercute positivamente na formación do alumno.

-O alumnado dos institutos pertence, hoxe, a unha xeración que, por dicilo dalgunha maneira, leva o teléfono móbil permanentemente consigo.

-Si, claro, e iso é unha realidade. E os móbiles xa son moito máis que teléfonos, son auténticos ordenadores. Pero as clases non son lugar para xogar con eles.

-¿Realmente valora a sociedade, hoxe, a verdadeira importancia da educación?.

-Eu creo que non. A sociedade debería ser máis consciente do que a educación representa na construción do futuro.

-Outro asunto: ¿vostede sería partidario de aumentar a presentaza do deporte nos institutos?

-Por suposto. O deporte é importantísimo. ¿Que fas cun par de horas de Educación Física á semana...? O deporte é saúde.