«Nós queremos recuperar o bosque galego, que é patrimonio de todos»

FENE

JOSE PARDO

Os comuneiros de Sillobre converten Marraxón nun santuario da flora e da fauna do país

17 mar 2018 . Actualizado a las 22:13 h.

Francisco Tomás Corral Vilar (Sillobre, Fene, 1970) cumpre dez anos á fronte da Xunta de Montes Comunais de Marraxón, entidade que se está a converter nun verdadeiro referente no ámbito da protección da paisaxe, da recuperación do ecosistema e da preservación do patrimonio arqueolóxico. Os comuneiros de Sillobre abandeiran a substitución do eucalipto por especies arbóreas nobles. E o seu proxecto máis recente pasa por repoboar o Coto do Rei, cumio que é visible case desde a comarca enteira, con castiñeiros, de xeito que o monte se transforme nun verdadeiro estandarte do bosque galego, que ao longo do ano vaia cambiando de color, estación tras estación, ao tempo que lle recorda a toda Galicia a necesidade de coidar a natureza e evitar os incendios.

-Un problema terrible, o do lume forestal.

-Si, unha auténtica lacra. Por iso nós, aquí, cremos tanto na importancia de xestionar os montes dun xeito intelixente. Non se pode caer sempre nos mesmos erros. Se nos montes hai árbores autóctonas, e se están ben coidados, o problema do lume desaparece, e toda a sociedade galega sae beneficiada.

-Vostedes foron pioneiros na eliminación do eucalipto dos montes comunais.

-Si, pero é que nós sempre tivemos moi claro o que queriamos facer. O que nos interesou desde o primeiro momento foi buscar o ben común, facer o mellor para todos. Explotar os montes comunais de Sillobre como unha plantación de eucaliptos máis non levaría a parte ningunha. Podería dar uns cartos cada certo tempo, é verdade, pero hai cousas que, na nosa opinión, son infinitamente máis importantes que iso. Nós queremos recuperar o bosque galego, que é patrimonio de todos. Os montes comunais de Marraxón son propiedade dos comuneiros de Sillobre, efectivamente, non son unha superficie pública. Pero os comuneiros de Sillobre queremos que toda a sociedade se beneficie desta marabilla, situada nun dos lugares máis fermosos de Galicia. ¡Un lugar desde o que se ven Ferrol, Ortegal, as terras do Eume, os camiños que levan á Terra Chá, A Coruña, a inmensidade do Océano...! Aquí as portas sempre están abertas. En Sillobre todo o mundo é benvido. E, por certo, temos moitos máis proxectos novos.

-¿Por exemplo?

-Un dos nosos proxectos máis inmediatos pasa pola sinalización das mámoas, dos monumentos prehistóricos tan valiosos que conserva Marraxón. E tamén estamos apostando firmemente pola recuperación da fauna; e non só polos grandes mamíferos do bosque, que regresan a Marraxón cando Marraxón o coidas, senón tamén polos pequenos anfibios como as rás, que volven criar nas pozas do monte, ou por insectos case máxicos coma o escornabois, que viven nás árbores que remataron o seu ciclo vital.

-¿Reciben moitos visitantes?

-Moitísimos, cada vez máis. Marraxón estase convertendo nun lugar que aprecian todos os galegos. E a xente que vén a Sillobre creo que, na inmensa maioría, valora moito o esforzo que se está facendo. Algunha vez nos teñen feito algún pequeno desastre no monte con vehículos a motor, pero o normal non é iso. A xente que vén ama a natureza.

«Aquí cremos na importancia de xestionar os montes dun xeito intelixente»

«Se o monte está ben coidado e hai árbores autóctonas, o problema do lume desaparece»