«Se fan unha moción de censura legal ímonos á oposición e non pasa nada»

FENE

JOSE PARDO

O rexedor fenés, Juventino Trigfo, acusa ao voceiro do PP de «irresponsable» e pide deixar as leas políticas a un lado

02 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A sombra da moción de censura levaba planeando en Fene desde que o alcalde, o nacionalista Juventino Trigo, botou do goberno hai máis dun ano aos compañeiros do inicio do mandato, PSOE e Somos Fene. A semana pasada Trigo enfrontouse a un intento de apartalo da alcaldía, que acabou co proceso no xulgado.

-¿Como está vostede despois da voráxine dos últimos días?

-Estou retomando xa o traballo diario e os proxectos que estaban preparados e que están saíndo estes días. Porque queriamos deixalos perfectamente listos, pasara o que pasara o xoves pasado. Do que se trata é de sacar o traballo para diante.

-Unha semana despois do pleno no que PP e Somos Fene pensaban defender a moción de censura para desbancalo da alcaldía, ¿como valora o acontecido na sesión paralisada pola edila nacionalista como presidenta da mesa de idade?

-Sempre dixen unha e mil veces que creo que xudicializar a política é un erro. O PP tennos demostrado que se non o consegue politicamente o consegue xudicialmente, a eles non lles importa. A partir de aí, o que me parece é que o outro día foi un día bonito para demostrarlle ao PP que non poden facer todo que lles dá a gana. Que o Partido Popular, que acaba de ser acusado pola fiscalía de pouco máis que unha organización para delinquir, utilice a dous tránsfugas para facer unha moción de censura, retrata o seu espírito e democracia. Mariela Aguilar, a presidenta da mesa de idade, tiña un problema enriba. Por un lado, un partido político, Participación Democrática Directa, cun escrito político presentado ese día, solicitaba a paralización do pleno cun montón de argumentos. E por outro lado, tiña unha suspensión cautelar que permitía continuar co pleno. Fixera o que fixera estaba claro que ía ter un problema, como así estamos a ver. Si sae o que decidiu, denuncia o PP. Ao mellor se sae en contra do que di PDD, denuncian eles. Eu penso que a decisión que tomou é politicamente a máis correcta e responsable.

-O PP invitou ao BNG a acompañar a Aguilar no proceso xudicial que lle pode caer enriba pola decisión.

-Creo que iso foi máis unha declaración política que outra cousa. Nós non temos que dicirlle a Mariela o que ten que facer, ela é consciente do que fai e por suposto ten o apoio tanto do goberno como da propia organización.

-Tras o acontecido, a situación aínda afastou máis as posicións do goberno e da oposición ¿como espera que sexan as próximas semanas? Porque eles manteñen a maioría do pleno.

-Estamos convencidos de que intentarán paralizar a acción de goberno ata o último estremo. Xa levabamos un ano con esas circunstancias, sen facer unha sola aportación ás peticións que se lle facían dende goberno. En todos os asuntos, dá igual que fora unha ordenanza ou un pago de facturas. Agora continuará. O que si vemos son peores formas, froito da desesperación dos que presentan unha moción de censura, que se vían outra vez nun sillón e xa van por dous intentos. Pola nosa parte non pasa absolutamente nada. Se fan unha moción de censura con toda a legalidade do mundo, ímonos para a oposición, que ese é o noso traballo. Pero esa desesperación de pedir unhas medidas cautelares, antes de que pasen quince días, para poder facer o recurso, como así se fixo por parte dos avogados, non esperar e presentar a moción correndo non vaia ser que se resolva... Eu pídolles tranquilidade, que agarden a que os tribunais decidan, que saian as sentencias que teñen que saír e despois, con toda a tranquilidade do mundo, faise o que consideren. Esa desesperación estamos convencidos d que esconde intereses de partido e intereses persoais.

-¿Como están os procesos xudiciais?

-Agora hai sobre a mesa un recurso sobre as medidas cautelares dos edís de Somos Fene por ser cualificados como non adscritos, e está pendente o propio recurso que eles presentaron. Tamén está outro recurso que presentei eu como alcalde de paralización do pleno da moción, no que se pediron unhas medidas cautelares que non foron aceptadas, pero que está pendente de resolver. E o proceso sobre a decisión da mesa. A xustiza será a que teña que decidir, pero chama a atención que nestes días o voceiro do PP xa saiba practicamente cal é a sentencia e sabe que ten un mes para volver para aquí. ¿Como pode dicir iso sen que exista unha resolución xudicial?

-¿Esperaba un mandato con tantos enfrontamentos?

-Este alcalde leva pedindo responsabilidade dende hai máis dun ano, que á marxe das leas políticas traballemos polos veciños. O outro día, o voceiro do PP, líder da oposición, dixo en Radio Voz que o que ten que traballar é o alcalde. Con esa forma de velo é moi difícil. Eu podo dicir que o BNG nos catro anos que gobernou o PP votou en contra das cousas que presentou en dúas ou tres ocasións. Sempre, ou se votou a favor ou nos abstiñamos para facilitar a labor do goberno, non estando de acordo co goberno en infinidade de asuntos. Durante catro anos o señor Gumersindo foi incapaz de facelo un día, esa é a maneira de facer oposición. Por iso el puido gobernar con seis e non deixa que outros gobernen con cinco, é un auténtico irresponsable.

-E xa no terreo da administración municipal, ¿que proxectos sairán adiante en Fene no que resta de mandato?

-O POS do 2016 xa está case completo, xa se está a executar o do 2017, que se aprobou en marzo, e temos en carteira obras por valor de case oito millón de euros para o próximo ano. Á marxe disto, insistimos en que queremos ter un orzamento como o que se votou abaixo no 2016 con incrementos para Servizos Sociais e Cultura, e facer algunhas actuacións que levamos anos intentar sacar adiante. Estamos moi preocupados cos pasos a nivel na vía do tren en Perlío e coa falta de todo tipo de implicación por parte de Adif Temos pendente o derribo da nave de Fondomar en Barallobre, estamos a traballar no proxecto de modernización do concello... E é fundamental cambiar o xeito de facer determinadas cousas. Como en moitos concellos, supoño, hai vicios adquiridos, por dicir dalgunha maneira, que hai que corrixir. Isto é algo que costa moito e enfada moito a algunha xente.

«Sempre dixen que xudicializar a política é un erro; o PP non poder facer o que lle dá a gana»