Saudades da Oficina Técnica

Siro
Siro FERROL

FENE

Siro deixou a Bazán no ano 85

22 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Marchei no 85, dous anos despois que Santiago Rey Fernández-Latorre me propuxera deixar Bazán e entrar na redacción da Voz. O director, Juan Ramón Díaz, demorou o meu ingreso ata estar rematadas as obras en Fernández Latorre, que acolleron no terceiro andar as instalación de Radio Voz, para que fixese, diariamente, unha viñeta no xornal e un prograna na emisora. Despois fixen moitísimas cousas máis, pero inicialmente esas foron as miñas obrigas.

Doeume trocar Ferrol por Coruña, e a Oficina Técnica de Bazán pola redacción de La Voz de Galicia; pero nunca me arrepentín. Eu era en Bazán un proxectista como calquera outro, e estaba certo de que no xornal e na radio podería aportar algo novo e distinto ao xornalismo galego. Así foi; por iniciativa de Juan Ramón levei á miña viñeta a noticia política do día en Galicia, e hoxe somos a única comunidade autónoma que contou a súa historia en caricatura. Fíxoo a Deputación de A Coruña ao montar a exposición «A Autonomía Galega nas caricaturas de Siro», que botou andar en Ferrol no 2009 e itinerou pola provincia durante tres anos. Na radio, despois de varios programas culturais, creei o espazo humorístico «Corre Carmela que chove», que se mantivo 21 anos en antena, cunha audiencia fidelísima, e fixo rir a toda Galicia. Para a TVG escribín e dirixín «¿Imos aló?», único curso de galego creado para este medio, e series de divulgación cultural como «Riscos», un espazo para coñecer a vida e a obra dos máis importantes artistas plásticos galegos. Nunca se contou que en 1999 gravamos os 50 capítulos dunha serie titulada «Galicia século XX», na que grupos de invitados comentaban en tertulias, conducidas por min, os acontecementos máis importantes do século que esmorecía. Interviñan personalidades relevantes da política, a historia, a cultura e o deporte, segundo os temas a tratar. Por aquel estudo pasaron García-Sabell, Ramón Piñeiro, González Laxe, Sixto Seco, Barreiro Fernández, Ramón Villares, Luz Pozo, Carmen Blanco, Xesús Alonso Montero e moitos máis. O programa topou coa censura e non se emitiu.

Non volvín entrar en Bazán ata hai un ano, cando preparaba un traballo sobre aquel xenio da calderería de cobre que foi Alonso. O pouco que vin mentres ía ao Museo, érame coñecido; pero na portería non estaban Lucho Manazas, nin Selu, nin ningún garda coñecido; e as medidas de seguridade non eran inferiores ás do Pentágono. Souben que aquela non era xa a miña Bazán.

No comedor do mesón O Aturuxo, de Fene, coincido co enxeñero Juan Carlos Platón, destinado na Oficina Técnica. Por el sei que hoxe o número de deliñantes supera os douscentos, como cando eu marchei; pero xa non traballan en paneis; nin usan cartabóns, compases e bigoteiras; porque todo se fai co ordenador.

-¿Pero aquelas disposicións de tubería que tardabamos meses en tracexar para salvar as estruturas, o cableado e demais servizos?? Pregunto, perplexo, e Platón respóndeme, surrindo de orella a orella: -Lo hace el ordenador. E doume conta do vello que vou.

De cando en cando chamo por teléfono a José Luis Anoeta para saber dos compañeiros. Despois de 30 anos, hai días falei con Antonio Santiago, o de A Cabana, e recordeille cando naquel ambiente de traballo cordialísimo nos aleccionaba dende o seu panel, como un crego dende o púlpito, sobre as excelencias das mazás: -Se comes unha mazá excusas lavar os dentes. Outro día tocáballe ao magnesio, e os seus fieis veña a tragar cápsulas de magnesio. O peor foi cando nos convenceu das virtudes do allo, e cheiraba a allo media oficina. Santiago tivo problemas coa circulación do sangue e perdeu unha perna, pero como é optimista di que se non fose polas mazás, o magnesio e o allo, quizais perdería as dúas.

Da primeira promoción de deliñantes creada por don José María González Llanos ao rematar a Guerra Civil, viven, superando os 90 anos, Enrique Merino e José Vázquez Deus, os mellores en Bazán e Astano, respectivamente. A falta dun mellor recoñecemento, recórdoos eu neste artigo.

siro@siroartista.com