«Teño moita saudade do mundo rural que vivín na miña infancia en Cerdido»

La Voz

CERDIDO

07 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Son consciente -di Martinho- de que xa é moi difícil, tamén, conservar a cultura rural galega. Como é moi difícil conservar calquera outra cultura rural europea. En Galicia, esa vida rural estaba intimamente vencellada a un mundo agrícola e gandeiro que desaparece ao mesmo tempo que o despoboamento se agrava. E iso prodúceme unha inmensa tristeza. Eu teño moita saudade do mundo rural que vivín na miña infancia en Cerdido».

-Un mundo no que era extraordinariamente importante a literatura oral.

-Por suposto. En todas as súas formas. As lendas, os contos, as cantigas, os refráns... ¡Canto se leva perdido xa!

-Vostede viviu en Roma anos fundamentais da súa vida. Primeiro, como estudante; e máis tarde, como profesor. Incluso chegou a vivir alí moi de cerca os momentos finais do Concilio Vaticano II. ¿Que significou Roma para vostede?

-Roma foi fundamental na miña vida. Alí vivín experiencias moi positivas e un tempo cheo de esperanza. Pero ¿sabes que foi para min tan importante coma Roma?

-Dígame.

-Mondoñedo. Os anos que pasei no Seminario de Mondoñedo foron anos importantísimos para min. Alí empecei a amar a cultura clásica, aprendín a importancia da convivencia e experimentei unha vivencia relixiosa moi moderna. Aqueles anos de Mondoñedo fixeron de min, en boa medida, o que hoxe son.

-E desde a perspectiva que dá o paso do tempo, ¿que balance fai hoxe da súa vida?

-Estou contento coa miña vida. Vexo que lle teño que estar moi agradecido a Deus polo xeneroso que foi comigo, por todas as cousas boas que El me deu. E tamén vexo que hai moita, moitísima xente, á que sempre lle terei que estar agradecido.