Tecelás da Terra, un proxecto feminista que aposta pola soberanía alimentaria, chega a Cedeira e Mañón
CEDEIRA
A iniciativa foi finalista dos Premios Luísa Villalta 2025 da Deputación da Coruña
20 mar 2026 . Actualizado a las 18:44 h.O programa Tecelás da Terra, iniciativa que foi finalista dos Premios Luísa Villalta 2025 da Deputación, chegará en febreiro a Cedeira e Mañón. Trátase dun proxecto colectivo que promove a soberanía alimentaria, o empoderamento feminino e a cultura do coidado a través da creación dunha Biblioteca de Sementes Ecofeminista, conectada coa rede de bibliotecas públicas da provincia da Coruña, segundo explica Tania Merelas Iglesias, educadora social e impulsora do proxecto Avezar. Neste caso, vai da man de Noelia Darriba García e de Raquel Teijeiro Veiga, de AtalaiAS S. Coop.Galega. A idea é achegar este programa ás mulleres das comarcas de Ferrolterra e Ortegal, e tamén a Betanzos.
«Compartirán sementes, saberes e experiencias, nun proceso comunitario baseado no apoio mutuo, a aprendizaxe colectiva e o benestar», explica Merelas Iglesias. Destaca que Tecelás da Terra aposta «pola recuperación e transmisión dos coñecementos tradicionais vinculados á terra», poñendo no centro o papel das mulleres «como gardiás da biodiversidade e dos coidados».
Esta semana presentarase nos concellos de Mañón e Cedeira (día 27), e Betanzos (28). E en febreiro comezarán os obradoiros dirixidos a intercambiar saberes e sementes. Servirán, ademais, para impulsar a biblioteca, que verá a luz en marzo. «Son espazos seguros e participativos, abertos á reflexión e á acción colectiva arredor dun modelo alimentario máis xusto e sostible», subliña a responsable de Avezar.
En Cedeira desenvolveranse os días 5, 12 e 26 de febreiro, e o 4 de marzo, de 16.30 a 19.30 horas, na biblioteca do auditorio. En Mañón terán lugar os días 2, 9 e 23 de febreiro, e o 2 de marzo, no mesmo horario, no teleclub de Grañas do Sor. E en Betanzos serán o 6, 13, 20 e 27 de febreiro, no centro social de Xanrozo, de 10 a 13 horas. Isto serve para consolidar Tecelás da Terra, «como unha proposta innovadora que enlaza ecofeminismo, cultura e territorio, reforzando as redes comunitarias e contribuíndo á preservación da diversidade agrícola e cultural da provincia da Coruña». Esas foron as razóns polas que foi recoñecido o proxecto nos Premios Luísa Villalta.