A Gala de Cantos de Taberna homenaxeará á Xira de Cedeira

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

CEDEIRA

RAMON LEIRO

A cita no Teatro Principal estará conducida por Celso F. Sanmartín

08 nov 2024 . Actualizado a las 10:37 h.

O Teatro Principal de Pontevedra acollerá este venres, a partires das 20.30 horas, a sexta Gala de Cantos de Taberna, que organiza a Asociación Cultural Maravallada en colaboración co Concello. No transcurso deste evento faise tradicionalmente un recoñecemento a aquelas persoas ou entidades que, pola súa labor, teñen colaborado na difusión e engrandecemento da música popular galega, en especial á manifestación que da mesma se fai nas tabernas.

Nesta ocasión, segundo desvelaron dende o Concello de Pontevedra, a gala estará conducida polo lalinense Celso F. Sanmartín poeta, contador e reinventador de historias ligadas a tradición oral galega, mentres que Os Preucos, grupo de Rianxo, serán os convidados para amenizar ao público.

Pola súa banda, o proxecto homenaxeado e merecedor da Cunha Maravallada será a Xira de Cedeira, «unha das festas máis emblemáticas desta vila coruñesa que forma parte da tradicional Romaría de San Antón de Corveiro celebrada cada terceiro luns de xullo desde tempos inmemoriais», engadiron. José Rodríguez Arribe, Jose de Vigo, será o encargado de recoller a cunca como director da Baixada da Xira desde fai xa 40 anos.

Polo que respecta á cunca, esta foi deseñada por Elena Díaz Liljestrom que apostou por un obxecto traballado por todas as súas caras e de inspiración naturalista.