Francisco Canosa: «Os xeoparques están pensados para a xente que vive neles, debe ser a maior beneficiaria»

ANA F. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

Canosa, ao fronte dunha xeorruta marítima pola costa de Cedeira
Canosa, ao fronte dunha xeorruta marítima pola costa de Cedeira JAVIER ESCOBAR

Doutor en Xeoloxía e principal impulsor do proxecto do Cabo Ortegal, incide na importancia da implicación social para acadar o recoñecemento do UNESCO

23 ene 2022 . Actualizado a las 04:14 h.

Francisco Canosa Martínez (Vilagarcía de Arousa, 1983), doutor en Xeoloxía, foi o principal impulsor do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal, do que tanto se falou estes días na Feira Internacional de Turismo (Fitur), en Madrid, e no que el leva traballando case unha década. Como director científico —«provisional», precisa—, incide na importancia da implicación social e do deseño dun plan de desenvolvemento local para lograr o recoñecemento por parte da UNESCO. Afecta aos municipios de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.

—O proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal xa é candidato a ser recoñecido como tal pola UNESCO. Unha boa noticia.

—Dende logo que é unha boa nova porque constitúe un pasiño máis nesta carreira de fondo de cara a obter a distinción de xeoparque mundial da UNESCO.

—Cales son os prazos agora? Cando se coñecerá a resolución?

—A inicios do verán recibirase aos avaliadores da UNESCO, que visitarán o territorio e comprobarán de primeira man que se fixo e que se pretende facer. Posteriormente, ditos avaliadores entregarán á UNESCO un informe sobre a súa visita ao noso proxecto de xeoparque, a finais do 2022. E xa na primavera de 2023 (abril-maio) informarannos da decisión final, que pode ser tanto favorable coma desfavorable.

—En que deberían concentrarse os esforzos nestes meses?

—Pois deberase aproveitar moi ben ese tempo para elaborar un sólido e ambicioso plan de desenvolvemento local, algo fundamental e no que os xeoparques fan moito fincapé. Aínda que tamén serán precisas outras accións menores que poñan de manifesto que este territorio funcionou como xeoparque ao longo do último ano.

—O plan de desenvolvemento local é o máis importante?

—É a maior das prioridades, pero tamén o van ser o comité científico, a creación da estrutura técnica e xestora, a presenza física de espazos destinados ao xeoparque ao longo do territorio ou tamén obter unha maior implicación dos axentes locais, tanto do tecido empresarial como social dentro do territorio.

—É posible cumprir todos os requisitos esixidos neste tempo?

—Algúns deles requiren de máis tempo que outros, pero penso que cun bo organigrama e cronograma será posible.

—Como director científico, que traballo lle corresponde?

—De momento, a figura á que represento é provisional e altruísta, está aínda pendente a designación dese cargo, que ao depender de entes públicos irá a exposición pública. Á persoa que traballe como director científico vaille corresponder a tarefa de coordinar calquera acción que relacione o proxecto e as distintas disciplinas científicas, en especial a xeoloxía, así como coñecer e dar a coñecer o patrimonio xeolóxico do proxecto.

—Que importancia tiveron e teñen as xeorrutas, das que foi artífice, co apoio dalgúns concellos?

—Pois tiveron unha importancia clave para achegar de primeira man o patrimonio xeolóxico á sociedade. Porque para valorar ou protexer algo do noso patrimonio é fundamental o seu coñecemento, mediante, neste caso, a súa divulgación. Agora, a xeoloxía é un novo atractivo turístico deste territorio.

—Como lles podemos explicar aos veciños que suporía conseguir este recoñecemento? E canto de importante é a implicación da sociedade para que sexa así?

—Diríalles que é unha oportunidade única para aproveitar un patrimonio xeolóxico tan singular coma o que teñen, e que iso poida ser empregado como eixo dunha estratexia de desenvolvemento sostible para o territorio. Tamén hai que ter claro que os xeoparques están pensados para a xente que vive neles, porque deben ser os maiores beneficiarios deste recoñecemento, polo que a súa implicación é básica.