Cedeira, o mar de Galicia e o mundo da cultura perden a Fusa Guillén

CEDEIRA

ANGEL MANSO

Escritora, activista cultural e impulsora do mundo do teatro. Tivo un papel fundamental na recuperación das tradicións do Samaín

26 jul 2020 . Actualizado a las 16:14 h.

«Cedeira non esquecerá xamais a Fusa, ela sempre seguirá con nós», di o alcalde da vila, Pablo Moreda. E en termos moi semellantes se expresan todos cantos a coñeceron. Escritora e impulsora do mundo das artes escénicas, Fusa Guillén naceu en Madrid, pero era cedeiresa -como tamén subliña o propio Moreda, que rende pública homenaxe á súa figura e ao seu legado en nome de todos os cedeireses- no máis fondo dos sentidos do termo. Queríalle a Cedeira con todo o seu corazón, e a súa morte (faleceu onte, aos 69 anos de idade) deixa tras de si un fondo baleiro. Vivía no faro de Punta Candieira, nun dos lugares máis fermosos do litoral atlántico no que Europa comeza; e esa paisaxe -que ante todo é unha emoción- tamén preservará para sempre o seu recordo. A súa devoción pola cultura galega levouna a adentrarse, coa maior das paixóns e coa maior das xenerosidades, nas fondas raíces do universo atlántico, sempre a cabalo entre dous mundos.Boa proba diso foi o seu traballo no eido da revitalización de tradicións coma a do Samaín. Ese Samaín que ten tanto de festa, sobre todo para os nenos, como de ponte ao inmenso misterio que nos rodea. Todo canto Fusa Guillén fixo pola cultura de Galicia, perdurará. O seu legado e o seu recordo brillarán para sempre, coma a luz dun faro máis feito de soños, fronte á inmesidade do Océano. Baixo as estrelas. Onde Galicia se abraza ao mar.