A biografía de Guadi Galego narrada a través da súa relación coa música

O novo libro de Pepe Cunha conforma un mosaico da traxectoria da cantante

Guadi Galego
Guadi Galego
x. f.
redacción / la voz

«Achegarse a Guadi Galego é doado», asegura o xornalista ferrolán Pepe Cunha. Dita circunstancia evidénciase no seu novo libro editado polo selo Embora: Guadi Galego. Pola beira da canción, unha biografía orixinal, didáctica e dinámica que conforma un mosaico sobre a figura persoal e profesional da cantante.

Neste senso, os lindeiros entre a idiosincrasia da artista e o seu oficio difumínanse xa que, como indica Cunha, «escoitando as súas letras, percíbese unha humanidade que Guadi Galego tamén transmite na vida real».

En canto ao eido profesional, o libro recolle opinións que manifestan a importancia da artista galega: «Das mellores cantantes que deu este país, e moi de lonxe», escribe o músico Xabier Díaz. Nesta liña, Cunha reivindica a «calidade» de Guadi Galego (Cedeira, 1974), así como a súa «capacidade para adaptarse» debido á súa evolución desde a música tradicional, exemplificada no seu paso polo grupo Berrogüetto, cara ao pop-rock. «Guadi é un referente de como se pode ter aprecio, formación e coñecemento da nosa cultura, do que nos identifica como galegos e, ao mesmo tempo, absorber músicas doutros lugares e conseguir combinalas», explica o escritor da obra.

Ademais, o xornalista ferrolán salienta o talento da cantante para acadar o moderno a través do tradicional, é dicir, grazas ao coñecemento das raíces. 

Obra afastada de convencións

Guadi Galego. Pola beira da canción non é unha biografía ao uso.

O libro inclúe unha entrevista coa artista, un longo capítulo sobre a súa traxectoria vital en relación coa música, unha sección coral na que diferentes voces opinan sobre Guadi Galego, un apartado coa súa produción discográfica e un álbum fotográfico. «Quería que a obra fose amena para a xente que non coñece tanto a Guadi Galego ou que descoñece o interior por detrás das cancións. Así como tratei de non perder a perspectiva propia dun lector menos afeito a ler sobre música», expón Cunha.

O xornalista explica que, cando lle propuxeron escribir un libro sobre un cantante galego, escolleu a Guadi Galego porque se ve representado nela en relación ao seu papel de divulgador musical: «Unha persoa que se ganou o respecto facendo o que sempre quixo facer». En canto ao título, sinala que Pola beira da canción é unha boa metáfora da «unión perfecta entre música e texto» que caracteriza á artista cedeiresa.

No próximo mes de outubro, Guadi Galego presentará o seu novo disco, Immersión, un recompilatorio de traballos pasados con múltiples colaboracións. A súa música e o libro de Cunha non se entenderían sen ese sentimento de cooperación, en verbas do escritor: «Compartir e ao mesmo tempo recibir».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

A biografía de Guadi Galego narrada a través da súa relación coa música