Pablo Moreda: «Reeditar o goberno progresista e galeguista sería boísimo»

A. F. C. CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

JOSÉ PARDO

O alcalde, do PSOE: «Entramos nun concello con falta total de transparencia e cunha mala xestión administrativa»

15 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo D. Moreda Gil (Foz, 1973), enxeñeiro técnico agrícola, chegou á política hai catro anos da man do PSOE de Cedeira. Liderou o goberno tripartito, «exemplar», e agora aspira á reelección.

-¿Como resume o mandato?

-O balance é súper positivo desde todas as áreas, sobre todo a social, a máis importante para nós, buscando o equilibrio para garantir que todos podamos vivir en igualdade de condicións en Cedeira. Entramos nun concello con falta total de transparencia e cunha mala xestión administrativa. Afrontamos o pago de case 300.000 euros en facturas pendentes; entramos nun plan de estabilidade económica e financeira a raíz deses últimos meses de 2014 e principios do 15 (de goberno do PP), cancelamos toda a débeda bancaria e o préstamo do viveiro de empresas, e fixemos o maior investimento sostible dos últimos 15 anos en Cedeira. Sacamos adiante obras en saneamento (cun convenio coa Xunta por 700.000 euros); loitamos moito para conseguir a ampliación da escola infantil; acadamos a licitación do estudo ambiental da praia da Magdalena; tivemos unha boísima relación coa comunidade educativa e co movemento asociativo, con subvencións de libre concorrencia, e co mundo do deporte; temos o anteproxecto do centro de día; pelexamos moito e a Xunta vai mellorar a estrada Cedeira-Valdoviño; a Deputación xa contratou a variante das Pontigas...

-Dixo que había que atraer empresas para o polígono, pero...

-Se o polígono da Trave non é atractivo é polo cambio de criterio do Plan Ferrol para obter subvencións e polas infraestruturas, porque a Xunta ten abandonada a comarca desde hai 25 anos. A partir da mellora das comunicacións hai que facer unha aposta polo turismo, co xeoparque...

-¿E agora que propón?

-Ningún dependente sen atención, ampliar o centro de saúde, construír o centro de día, un plan de inserción laboral, axudas a emprendedores, elaborar o PXOM e un ARI do casco vello, apoiar á mocidade e ao ensino, un inventario de camiños municipais, substituír o cen por cen das luminarias por leds...

-E se o resultado do 26M o propicia, ¿reeditaría a coalición?

-A experiencia foi única, e se tanto o BNG coma o PSOE teñen bos resultados será froito do bo traballo e da sintonía e o compromiso de todos. Reeditar o goberno de coalición, progresista e galeguista, sería boísimo.