«Vendín percebes a 299 euros o quilo»

ANA F. CUBA CEDEIRA / LA VOZ

CEDEIRA

XOSÉ CHEDA

O cedeirés Manuel Pernas Loureiro, fillo e neto de mariñeiro, ten claro que «os cartos, en Cedeira, teñen que entrar pola ría»

20 nov 2017 . Actualizado a las 07:56 h.

Manuel Pernas Loureiro, Canoura, por seu pai, criouse no Cristo, en Cedeira, onde naceu hai 63 anos; estudou na academia de don Severino e traballou desde os 18 ata hai pouco máis dun mes. Comezou na compañía Nervión, auxiliar de Bazán, pero á volta da mili na Marina tentouno o mar e enrolouse no Fresán. «Daquela todos os barcos, sacando os grandes, iamos ao día», conta este fillo e neto de mariñeiro. Seu pai pasou dun bote, Dos hermanos, á lancha Brisas de Nois e logo ao Milano, no que tamén andou el embarcado sete anos. Pero o azar levouno a terra. «Saíron prazas para a confraría, apunteime e tocoume a min por sorteo; comecei nas cámaras, daquela sacárase a venda dos sábados e o peixe que viña ese día metíase na neveira para vender o luns», relata.

Naqueles anos pasou frío, aínda non se instalara a fábrica de xeo -montouse cando se mudaron á lonxa de abaixo- e había que descargar os camións. Botou outra temporada despachando carnada para o polbo e o congro, desde as seis da mañá ata as dúas da tarde. «Daquela todas as lanchas pequenas ían ao polbo, e había moitas [...]. Antes coñecía a todos os mariñeiros con nome e apelidos, todos eran de aquí, agora xa hai moita xente de fóra, ao haber menos peixe os de aquí fóronse indo porque se gañaba pouco. Houbo anos nos que se gañaba ben, ata viña xente de Ferrol traballar aquí, non había cotas e collías [o peixe e o marisco] que podías», repasa.

En 1994, Manuel pasou a ser funcionario da Xunta de Galicia como vendedor de peixe, labor que desempeñou durante os últimos vinte anos. Naquel tempo só había poxa pola tarde. Na lonxa de Cedeira aínda se conserva a táboa que empregaba para enganchar os vales de cada barco, nos que anotaba o nome do comprador e os quilos, co prezo do último polbo que rulou, 1.200 pesetas o quilo (precisa que «era do grande»). El e o compañeiro facían quendas, un pesaba na báscula e outro cantaba as cotizacións. «Cando era en pesetas, baixabas dunha nunha, 100, 99, 98... ata que alguén berrada ‘mío’»; e desde a chegada do euro, de euro en euro para o percebe (para empezar, e logo de 0,50 en 0,50, e de 0,30 en 0,30); e de cinco céntimos en cinco céntimos para o peixe (se o lote ten calidade, de 0,50 en 0,50)». Cos euros non lle tocou poxar a viva voz, xa se instalara o panel dixital, tamén chamado maquinillo.

«Na lonxa es o que manda»

Os vendedores marcan o prezo de saída: «Na lonxa es o que manda [...]. Tes que mirar se o peixe é bo e a época, polo percebe que vendiches antes a cen euros, en decembro, co Nadal, tes que pedir 250. Se ves que nunha caixa de pescada hai algunha peza peor, dislles que a saquen porque se non vai estragar o prezo do lote. Teño vendido percebes a 299 euros, eran bos; antes cada lancha collía os que podía, sen máis límite, e este verán o día que máis vendín foron mil quilos». A loita diaria cos compradores, ou fresqueiros, non sempre resulta doada: «Co percebe ás veces acabas tolo, porque non calan a boca, e agora non é coma antes, que viña o secretario da confraría e defendíate se tiñas razón; e tamén tes queixas porque o percebe dun valeu máis ca o do outro, catro ou cinco euros de diferenza só uns minutos despois».

Pescada a cinco mil pesetas

A pescada -cantilada, porque se captura fóra- tamén se cotizaba máis antes. «Teño vendido pezas de sete ou oito quilos a cinco mil pesetas o quilo, ían para os escaparates de restaurantes de Madrid. Agora, para que vaia a nove euros o quilo, ten que haber moi pouca», explica. Manuel, que tamén foi armador, non bota en falta a lonxa, pero ten claro que «os cartos, en Cedeira, teñen que entrar pola ría; no comercio e na hostalería nótase se hai peixe ou non, depéndese do mar». Xogou nos Mistos, o equipo de fútbol sala de Cedeira durante vinte anos, e os compañeiros, na cea de despedida, sorprendérono cunha camiseta coas súas expresións máis características e unha foto dos tempos de deportista.