
O coordinador das Xornadas Botánicas de Cedeira loita por preservar esta riqueza
13 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Rafael López Loureiro, Calel, (Cedeira, 1954) empezou a estudar bioloxía «confundido, porque o que quería ser era Rodríguez de la Fuente». Divulgador e naturalista, coordina as Xornadas Botánicas de Cedeira. A costa ártabra, subliña, de Prior a Ortegal, «está considerada desde 2004 [por el Ministerio de Medio Ambiente] ?de importancia excepcional para la conservación de la biodiversidad?. É a única de Galicia e a quinta de España». Acadou esta cualificación «por ter un tesouro botánico único e por estar a piques de desaparecer».
-¿Hai un perigo real?
-Estamos nesa situación, hai un perigo real de que en breve prazo perdamos algunhas das especies que temos aquí. De feito, varias xa entraron no catálogo de especies ameazadas (Xunta, 2007).
-¿A que especies se refire?
-Crepis novoana (herba de flores amarelas), única da ría de Cedeira; Centaurea borjae, Linaria aguillonensis, Angelica pachycarpa... E hai todo un mundo de felgos que encardinan a nosa zona, da flora macaronésica: compartimos felgos coas illas Canarias, Azores, Madeira, Cabo Verde, o monte Gurugú (Marrocos), a serra de Grazalema (Cádiz).
-¿Que é a flora macaronésica?
-É unha rexión bioxeográfica porque todas esas zonas comparten vida (as mesmas especies). Estes felgos son reliquias das selvas tropicais que na era terciaria estaban arredor do Mediterráneo. Inclúo a serra porque despois das glaciacións afloran felgos, quedaron nos vales profundos da Capelada, que conservaron unha temperatura non tan baixa e unha humidade suficiente. Iso é o que dá ese aspecto de selva tropical aos nosos bosques.
-¿De onde vén o risco?
-Están a punto de ser comidos polo eucalipto. O monocultivo é empobrecedor (para a biodiversidade, non para a economía das persoas). Debería haber unha lexislación que prohibira a plantación nun corredor de 50 ou 100 metros ao pé das concas dos ríos.
-¿Que tesouros garda a zona?
-Na Capelada hai unha estraña variedade de plantas de alta montaña, que só poderiamos ver a partir de 1.400 metros e aquí están a 300, ou menos. A espadana ou lirio azul (Xiphion latifolium), a xanzá (Gentiana verna), a Veratrum album, unha planta velenosa que empregaban na punta das frechas na Idade Media... Temos unha riqueza en orquídeas notable, van aguantando, máis menos; a poboación de Vilarrube, que era das mellores que eu coñecía da bisbarra, estana esnaquizando os xabaríns. Na praia de Rodo tiñamos a última colonia de caramiñas (Corema album), a máis ao norte de todo o mundo, e un tractor pasoulle por encima e matou varias...
-¿Débese ao descoñecemento?
-A ignorancia é perigosísima (...). O xabarín necesita numerus clausus urxentemente.
-¿Un nace ou faise naturalista?
-Eu nacín... De neno, a natureza víase coma un inimigo que levabamos pegado ás costas os galegos, e había que domesticala, sobrábanos, tiñámola virxe e por ignorancia, sen darnos conta, deixámola caer. Ser naturalista quere dicir querer coñecer a natureza para protexela. A bisbarra faría un gran negocio recuperando as selvas de macaronesia...
-¿Estamos a tempo?
-Queda o suficiente para salvalo, quitando os eucaliptos das beiras dos ríos e do mar... Se conseguimos preservala estariamos facendo un niño de riqueza futura, en biodiversidade, paisaxística e turística, unha maneira de mover a economía, pero regulándoo para conservala, cunhas normas de comportamento (non se poden levar pedras nin plantas).
-Por iso organiza as xornadas.
-Vén xente moi boa, hai charlas abertas a todos. Estou moi agradecido aos colaboradores.