«Hai que apoiar á xente que val, a creatividade, os músicos de aquí»

O local montado na finca da Pateira resiste, a piques de cumprir 25 anos

A boa música e a conversa distinguen o Bar de Fredi
A boa música e a conversa distinguen o Bar de Fredi

Espasante

Quen lle ía dicir a Fredi -Alfredo López Loureiro (Espasante, 1960)- que o local que abriu no antigo almacén de sal da Pateira, propiedade da familia da súa muller, Gabriela, chegaría aos 25 anos. Na ponte da Constitución, en decembro, cumprirase un cuarto de século daquela aventura que emprendeu «porque faltaban locais de ensaio», no mítico Bar de Fredi. Nesa época (comezos dos 90), lembra, «Espasante estaba máis especializado na noite, co Plas Plas (a discoteca, no antigo cine), o Café do Tempo (Grolos), o Mar de Mares...».

Este devoto da música -«é a miña paixón»- fíxose empresario. «Vía demanda, porque había máis traballo, podías abrir por semana; daquela o Orillamar tiña viaxantes por semana, ensaiaban aquí os grupos da zona... Aínda hai chavales que veñen gravar maquetas, aproveitan o equipo e a boa acústica do local». Ademais do calor da cheminea e a xenerosidade de Fredi: «Hai que apoiar á xente que val, a creatividade, valorar aos músicos de proximidade, aos teus colegas».

Antes, aquel rapaz que naceu na rúa Amargura andivo polo mundo. «Meu pai era mariño», conta. Cada verán regresaba á casa da avoa materna, a Ladrido; estudiou náutica, andivo ao mar e casou cunha moza de Espasante. Volta ás orixes. No Mar de Mares (segue aberto), que rexentou un tempo, debutou a banda de rock Punta Norte, do Barqueiro. «Con Fernando Pía (músico ortegano falecido, creador de The Perdidos al Río) montabamos alguna jam session; el xa inventara os encontros de rock do Ortegal, quería aglutinar aos grupos da bisbarra», recorda, con estima. Fredi seguíu a estela de Pía. «Abrín en inverno, para os do pobo, e xa digo ?ou se me quere ou se me aguanta?». Logo viñeron as foliadas e os encontros de Santa Icía. Nun papeliño anota algúns dos grupos que tocaron no bar: Os Reboiras, Malos Tragos, Maruxa, Los Eternos (de Cedeira); The Perdidos al Río, Daltónicos, La Tribu, Radio Malandra (de Espasante); Punta Norte; Os Cempés, «antes de gravar discos e na despedida, hai dous anos» e tantos outros. Todos repiten. Algúns seguen e mistúranse cos novos: «Os Deitaos, eu chámolles kilómetro cero porque viven a menos de cen metros do bar, son os fillos dos meus amigos (...). Os pais dos rockeiros de hoxe somos a miña xeración». E uns mozos de Couzadoiro que o teñen entregado. «Volve a haber efervescencia». Hai esperanza.

A primeira época durou tres lustros, tempos «de máis liberdade», con clientela de Cedeira a Burela ou As Pontes. «Non podías pechar ningún día porque igual che viña un tipo de Viveiro..., daquela podíase fumar dentro», relata. A xente que fuxía das convencións atopaba, no Bar de Fredi, conversa e boa música. «Hai que estar alí para sabelo», comentou alguén cando lle preguntaron polo local. Aínda hoxe manda a improvisación, logo chegan as gaitas e arríncanse a bailar as mulleres de Gamelas e Anduriñas, a agrupación que preside Fredi, percusionista e fundador da desaparecida Bágoas da Raíña. «Adiántamonos ao tempo, tocabamos moito, era a época do rexurdimento do folk e chegamos a gravar un disco». recorda.

Hai veciños que descubriron que tocaba a gaita no Luar, con Gamelas. «E eu que andiven sempre detrás dos gaiteiros!», confesa. «Meus pais estiveron en Londres e naquel tempo era moi anglófilo; cando escoitei, no instituto Zalaeta, na Coruña, a (Antón) Seoane e (Rodrigo) Romaní dixen ?soan a Jethro Tull (unha banda de rock británica) en galego?», evoca. Despois viviu o nacemento do Festival de Ortigueira. «Nunca o perdo e a noite do domingo facemos o remate aquí». No bar que deseñou á súa medida, «para que guste e sorprenda». Xa din que «o máis bonito do Fredi é o que non esperas». Como atopar ao percusionista cubano Celestino López, que vive entre a illa e a Bretaña francesa, tocando unha noite de agosto e todos bailando a conga. E mesmo a Banda Crebinsky. ¿Que ten Espasante? «Máis mestizaxe, quizais polo mar».

Neste porto ortegano recala, ás veces, un veleiro tradicional en tránsito. A tripulación busca o Bar de Fredi, un dos tres locais emblemáticos da ruta. Os outros dous atópanse en Bretaña, de onde parte, e na illa de Madeira. O encargado do negocio -«non gaño moito, pero satisfaccións teño, é moi bonito ver aos fillos dos meus amigos tocando aquí»- cre que talvez veñen pola música, «da de verdade». E ousa dar un consello a calquera taberneiro: «Non pode ser que o primeiro que chegue poña a música».

No bar da Pateira percíbense o carácter e a personalidade de Fredi. «Seguen vindo os clásicos... Misturámonos cos novos». Resiste. «Esperemos que a xente de aquí atope traballo, cando abrín aínda viñan do bonito con cartos frescos, funcionaban as pizarreiras, non había controis de alcoholemia...». Sóbranlle folgos.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos

«Hai que apoiar á xente que val, a creatividade, os músicos de aquí»