Pepe Riola, investigador local e contador: «Hai unhas ruínas que poden ser do mosteiro que houbo en San Andrés»
CARIÑO
A este veciño de Cariño, devoto da historia local e da arqueoloxía, gustaríalle coñecer a orixe do Carallo de Balteiro, unha posible escultura fálica no Camiño de Teixido
10 ago 2026 . Actualizado a las 22:49 h.José Rodríguez Vilela, Pepe Riola, cumpriu este sábado, 8 de agosto, 70 anos. Naceu en Teixidelo (Cedeira), por riba da praia de areas negras, que para os veciños sempre foi Baoogal. «Íanse alindar as vacas por un carreiro, a Cerralla, un medio desfiladeiro onde meu tío fixo un muro para que non caeran», lembra. Con sete anos, el e seus pais mudáronse a Landoi, que hoxe pertence a Cariño (aínda tardaría en segregarse de Ortigueira), pero el garda moitos recordos da aldea situada ao pé de San Andrés de Teixido. O primeiro, tería dous ou tres anos, foi un enterro: «Ían co cadaleito ao ombro e no amilladoiro, como había moito temporal, o vento levoulle a tapa, e recordo vela polo aire, por riba das toxeiras». Alí, no lugar de Meizoso, estaba a súa primeira escola, «a que fixera Andrés García nos anos da República».
Cunha memoria prodixiosa, relata que tiña 14 anos cando empezou a traballar: «Foi o 27 de decembro de 1970, ás oito e media da mañá, nunha canteira de cuarzo que había en Landoi. Alí estiven ata os 18 anos, e logo fun de auxiliar en Astano, ata a mili, e á volta fixen de todo... os últimos vinte anos [ata a xubilación] estiven de xardiñeiro do Concello de Cariño». Pero xa desde rapaz, con 11 ou 12 anos, sentiu a chamada da historia: «Cheguei da man do libro de Ramón Bascoy La comarca de Ortegal antes del II milenio antes de Jesucristo, por un mestre nacional que poñía pasantía en San Adrián no verán. Un día falounos del, vino, era gordo... viña o pozo do inferno, o río do Casón, sitios que eu coñecía... lino de pé a pé, no pupitre, en vez de facer o que mandaba o mestre, José Rico, ata que mo quitou e me deu unhas chapeadas. Pero cando acabou o verán regaloumo [...], presteino e non mo devolveron, téñoo fotocopiado».
Aí entroulle a ansia por saber máis da historia local e chegou á Geografía descriptiva de la comarca de Ortigueira, de Julio Dávila, e ás obras de Federico Maciñeira. «O libro de Bares impresionoume —confesa—, comentaba que Benito Vicetto pasaba as vacacións en Landoi e que se inspirara na Faladoira para escribir El cazador de fantasmas. Estaba intrigado, investiguei e non hai moito unha veciña contoume a historia dun señor que fora mestre de don Luis Lago Montojo, o último señor da Casa de Viriño de Landoi, que era letrado... Benito Vicetto fora mestre del e por iso ía de vacacións a Landoi».
Cunha curiosidade infinita, Riola —«un contador en esencia», como o calificou Sole Felloza, directora do festival Atlántica, no que participou— leva anos fiando a memoria da comarca: «O que me interesa é a historia local e a arqueoloxía, as mámoas, os menhires, as fontes, os regatos, os castros... aínda que tamén lin cousas de todo o país e de fóra, de Exipto...». Intrígao a historia de Bares, «coas casas dos homes pequenos», e entre os seus múltiples oficios sumouse á escavación da Igrexa Vella, dirixida por Emilio Ramil, en xullo de 1997: «Ía no [Peugeot] 106 despois de saír do Concello, de peón...».
O furado dos mouros
Soubo das cinco mámoas localizadas no municipio de Cariño a través de Bascoy, seguindo a descrición e preguntándolles aos veciños: «Unha coñecíana como O furado dos mouros. Constantino Bellón Candelas, un señor de Meizoso, tenme dito de moitas, nin se coñecían nin se lles daba valor». Pero o que máis lle interesa é A Capelada: «Os altos téñoos pateado e coñezo á xente que anda por aí. Teño sospeitas fundadas de cousas que poden ser reais, coma o Carallo de Balteiro ou os restos do mosteiro de San Andrés, que podía cambiar a historia de Teixido. Houbo un mosteiro, e as súas pertenzas foron doadas, polo século IX, ao mosteiro do Couto, pero non se sabe onde estivo emprazado... mais hai unhas ruínas que poderían ser, cerca do cruceiro dos Carrís... Maciñeira e Usero [cronista oficial de Cedeira] teñen escrito do mosteiro, pero din que non queda pedra sobre pedra... Gustaríame que se estudara».
Tamén colaborou con Andrés Crespo «nas primeiras prospeccións arqueolóxicas da serra da Faladoira, nos 80», e mesmo traballou no xacemento da Punta dos Prados, en Espasante, e no traslado da estatua de Pastor Díaz, en Viveiro. «No miradoiro do Casón fun eu o enxeñeiro, construtor e albanel [risas]», di. Os anos que botou na Forestal, pola Capelada, de adolescente, avivaron e nutriron a súa curiosidade —«andaba por todos os montes e preguntaba»—. Do Carallo de Balteiro soubo polo cedeirense Julio Aneiros: «Está no Camiño de San Andrés, no lugar de Balteiro, antes de San Roque de Reboredo. Mide 1,40 metros de alto e está chantado riba do balado do camiño, cunha vista impresionante do val do río Costido e o regato do Viriño [...]. É un falo, non sei se un capricho da natureza ou un resto arqueolóxico; se é así, gustaríame saber a que cultura pertence».
Riola é, por riba de todo, un extraordinario narrador, e ten na cabeza A outra historia de San Andrés de Teixido, con apuntes tomados ao longo dos anos. Igual que o mapa arqueolóxico e histórico da Capelada que elaborou, «coas mámoas, menhires, fontes, cruceiros, cruces, minas...», que algún día deberan ver a luz.