A Mostra de Teatro Galego de Cariño ofrecerá 15 representacións do 2 ao 8 de agosto

LA VOZ CARIÑO

CARIÑO

<span lang= gl >Presentación da Mostra de Teatro Galego de Cariño, este mércores no paseo marítimo</span>
Presentación da Mostra de Teatro Galego de Cariño, este mércores no paseo marítimo

Haberá funcións para público familiar e adulto, e tamén actuarán os rapaces da Escola Municipal de Teatro

05 ago 2026 . Actualizado a las 18:45 h.

A Mostra de Teatro de Cariño, que xa vai pola edición 48, propón 15 representacións para público infantil e adulto entre o 2 e o 8 de agosto. Arrincará o día 2 co espectáculo itinerante Animacreques, da compañía Catropés, ás 12 horas (saída do consistorio local); a actuación de Teatro Ghazafelhos, con Historias para escagharriñarse, ás 13 (Porta da Pulida); e danza co Colectivo Glovo, que ofrecerá Trïade e Alleo, ás 21.30 (Porta da Pulida). O día 3, Fantoches Baj representará A viaxe feliz de Ramón Sanafiz (12 horas, no auditorio municipal, con entrada a 1,5 euros), para o público familiar; e Chévere poñerá en escena Ictus (22 horas, 6 euros o pase), para adultos.

A compañía Muu presentará Crunch 2 o día 4, ás 12 horas, (1,5 euros), para toda a familia; e Producións Teatrais Excéntricas representará Mofa e Befa: Os dous de sempre, ás 22 horas (6 euros), para público adulto. O 5, a sesión infantil será ás 12, con Galeatro e Xarope Tulú e a peza Berenguela na gaiola (1,5 euros); e a de adultos, ás 22, coa bailarina e creadora Mariña Lestón e a peza Costa da Morte. Cartografía dun naufraxio (6 euros). O 6 será a quenda de Tarabela Creativa, que ofrecerá o espectáculo familiar Tarabela Ambulante, no auditorio, ás 12 (1,5 euros), e De Ste Xeito, que interpretará a comedia Feminísimas, ás 22, para o público adulto (6 euros).

O 7 haberá música e humor con Piscore e o seu Concerto Singular, ás 12 (1,5 euros); e con Carlos Blanco, que subirá ao escenario do auditorio ás 22 coa súa proposta A Penúltima (6 euros). A despedida será o 8 con dúas actuacións na Porta da Pulida: ás 13 horas, A Vela Circo recreará o espectáculo circense Enredos, gratuíto e para todos os públicos, e o ilusionista Joshua Kenneth pechará o programa con Degustación de imposibles, maxia, ás 22, tamén de balde. E xusto o sábado antes do inicio da Mostra, o 1 de agosto, será o momento do teatro local. O alumnado da Escola Municipal de Teatro de Cariño, con actores e actrices de entre 10 e 14 anos, representará a obra Quen matou a Pepe Corleone, con guion e dirección de Pepablo Patinho.

Na presentación participaron a alcaldesa, Ana María López; os concelleiros de Cultura, Andrés Balado, e Urbanismo, Alberto Balado; a deputada provincial Cristina García; Erika Pereiro, socia de Culturactiva S. Coop, en representación de Piscore, compañía gañadora do Premio do Público Infantil na última edición da Mostra; e Pepablo Patinho, de Teatro Ghazafelhos. O concelleiro de Cultura destacou «o moitísimo traballo» que hai detrás deste evento e trasladou o seu ercoñecemento aos traballadores municipais, ás compañías participantes e á Deputación da Coruña, polo seu apoio. E explicou que a selección das obras responde «á busca de conceptos ligados á sociedade, á igualdade e á memoria histórica de Galicia». «Intentamos atopar obras que fixeran rir, con humor, pero tamén que emocionaran», dixo.