Filla dun carreteiro, naceu en San Claudio (Ortigueira) e casou cun veciño de Feás ao que coñeceu nun permiso, trala guerra, perdeu tres dos catro fillos e un neto. Desde mediados dos anos 50 vive en Ferrol
19 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.
Ao carón da ventá do seu cuarto, que dá á praia de Cariño (Ferrol), ten unhas libretiñas nas que escribe de cando en vez. María Breijo Corgos naceu en Tristimil (San Claudio) o 24 de decembro de 1921 e criouse no lugar de Porteiro (Santiago de Mera). Eran cinco irmáns (outros cinco perdeunos case ao nacer), dos que só vive ela, e desde moi nova tivo que axudar na casa. «Saín da escola sabendo multiplicar, ler e escribir, ía a clases de memoria...», conta a poucos días de cumprir cen anos. O seu pai era carreteiro. «Había dous bois para tirar do carro, unha vaca para o leite, un burro para traer a herba e ovellas, que levabamos ao campo cada día e iámolas buscar. Había que coller o mulime, que de camiño se acababa, teño levado moitos feixes ás costas, poñiámoslle felgos para que non nos picara no cu», rememora cun sorriso.
María lembra unha das moitas veces que a súa nai se sentiu indisposta e tivo que ir avisar ao seu pai, que estaba traballando no monte con outro dos fillos, Benigno, dous anos máis novo ca ela: «Meu pai volveu correndo e entre os dous cargamos o carro e baixamos toda a pendente sen que dera volta. Se o viras habíaste santiguar». «O meu pai levaba unha vida moi escrava, transportaba madeira, mobles de mudanzas, pinos que cortaba no monte e despois vendía...», relata. O traballo era duro, pero aínda o foi máis ver como o seu irmán maior, Antonio, foi reclutado para o fronte de Teruel, en agosto do 38, como recorda o seu fillo Xosé Carlos. En abril do 39 rematou a Guerra Civil, pero el seguiu mobilizado ata o 44, igual que o seu amigo José Fernández Pedre, veciño de Feás (hoxe, Cariño), que coñeceu a María nun permiso. Dous anos despois casaron e foron vivir a Feás.
O seu marido, Pepe de María, traballaba na fábrica de Laxe, un serradoiro de Feás que desapareceu, e ela sachaba na horta (ten axudado a xuntar os terróns que quedaban de cavar na roza para ter labradío) e cosía: «Aprendín cunha modista moi boa de Mera, gustábame, facíalles a roupa aos nenos... Despois tamén aprendín a calcetar, e facía calcetíns, xerseis...». A mediados dos anos 50, xa con tres fillos, mudáronse a Ferrol, onde naceu a benxamina, Pilar, coa que leva máis dunha década vivindo na aldea ferrolá de Cariño. María non tardou en afacerse á cidade. «A aldea é distinta, é moi escrava, traballei moito na terra, os nenos eran grandes e merecían outra cousa... O meu home empregouse en Peninsular Maderera», repasa. Pero a memoria desta muller afable e conversadora devólvea de cada pouco a Santiago de Mera, ao salón de baile, ás festas do patrón no día de Santiago, aos paseos dos domingos pola ponte coas súas amigas, ao café e ao cine de Prieto, na parroquia de San Adrián, e tamén alí, á taberna de Dionisio, onde xogaban ás cartas.