«Hai moito por coñecer de Cariño»

ANA F. CUBA CARIÑO / LA VOZ

CARIÑO

CEDIDA

Ten 21 anos e para o traballo de fin de grao investiga os xogos tradicionais desta localidade, e a cultura e a historia que hai detrás. Agradece a axuda dos veciños

26 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Vivo por e para Cariño, lévoo tatuado, nun brazo as coordenadas e no outro a frase ‘Onde se acaba o mar’, porque a xente maior di que é no cabo [Ortegal] e non en Fisterra». A declaración de Abel Ramos Yáñez, cariñés de 21 anos, evidencia o amor e o orgullo que sente polo seu pobo. Estuda na Facultade de Educación da Universidade da Coruña e cando lle tocou elixir o tema para o traballo de fin de grao (TFG) estaba realizando as prácticas no CEIP Manuel Fraga Iribarne.

«Quería facer algo diferente, non tanto de buscar en Internet ou coller libros na biblioteca... Decidín que tiña que ser sobre Cariño, co que máis me identifico, e ao tocarme a rama de lingua galega pensei na importancia dos xogos tradicionais de Cariño, que co paso do tempo se foron perdendo, para entender a cultura e a historia que hai detrás», explica. O titor das prácticas, Francisco Macías, e o da universidade, Xulio Pardo de Neira, animárono, e embarcouse nunha investigación que lle está deparando moito traballo e máis alegrías.

Abel non tardou en descubrir a falta de referencias bibliográficas sobre os xogos tradicionais de Cariño. «Na universidade nunca viran algo dunha zona tan específica, si por comarcas, pero dun pobo tan pequeno coma Cariño, non», recoñece. A idea gustoulles moito e o seu apoio serviulle de motivación. Ata Paco Veiga, escritor, docente e experto nos xogos populares e tradicionais, se interesou desde o principio polo traballo deste rapaz, que ten de prazo ata xuño para entregalo (agás que se altere por mor da crise do coronavirus).

Sen pretendelo, o fillo de Luís do Mazarico pasou a ser coñecido por case todos en Cariño. As prácticas no colexio fixérono moi popular entre os pais e os avós dos nenos. Ata o alcalde compartiu en Facebook a ligazón á enquisa que elaborou para o estudo. De case todos está botando man agora para indagar sobre xogos coma o ché, ou chantón: «Non o coñecía, hai que coller un pau, lanzalo e que quede chantado na herba ou na praia. Faise un círculo arredor e o seguinte intenta darlle e vai avanzando».

Tamén conseguiu datos sobre a cucaña mariñeira, que leva anos sen celebrarse en Cariño: «Meu pai ensinoume fotos do día de san Bartolo no porto. Coñezo xente que ía ano tras ano e que adestraban uns días antes». Máis aló de recompilar toda a información e redactar o TFG, a Abel gustaríalle traballar sobre isto no colexio e poder recuperar eses xogos cando sexa mestre de Primaria. «Agora fanse cousas no centro pero non chegan á rúa, xa case nin a pelota...», lamenta.

Se algunha satisfacción leva deste tempo de investigación é a resposta dos maiores: «Que xente de 70 anos, que poden ser meus avós, me dean as grazas e se paren a responder a enquisa. Iso non o esperaba. Hai moito por coñecer de Cariño, moita riqueza da que non se sabe». As súas son fontes directas, veciños que xogaron ao chantón de nenos. E seguro que teñen gozado, coma el, das festas do san Bartolo, do san Xiao e da procesión do Carme (un ano perdeuna por un exame e botou o día chorando).