Unha parella recrea as súas orixes nun mural en Cabanas

ANA F. CUBA CABANAS / LA VOZ

CABANAS

O carro das vacas e o elemento central da obra, que se estende ao longo dos quince metros de muro
O carro das vacas e o elemento central da obra, que se estende ao longo dos quince metros de muro JOSE PARDO

Naceron en Monfero, botaron 44 anos en Suiza e agora reviven a infancia no rural, da man de Lupe Silva y María José Varela

08 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Maricarmen Salido a idea de encargar un mural para a súa casa leváballe roldando desde hai moitos anos. «Gústame moito a pintura e son unha tola dos murais, en Xenebra había moitos», conta. Ela e o seu marido, Manuel García, septuaxenarios, criáronse na parroquia de Queixeiro, en Monfero, e logo de casar emigraron a Suíza, onde botaron 44 anos. Alí seguen vivindo os seus fillos e os seus netos. Eles retornaron hai oito anos e desde aquela residen en San Martiño do Porto, en Cabanas, na casa que construíran moito antes.

A amizade de Maricarmen con María José Varela, veciña de Pontedeume afeccionada á pintura, foi o xerme do proxecto que está a punto de rematar. Ela contactou con Lupe Silva, mestra do CEIP de Ponzos, en Ferrol, xubilada, e apaixonada dos murais, cunha longa traxectoria neste tipo de traballos no colexio. E xuntas afrontaron o reto de dar cor ao muro que pecha a finca de Maricarmen e Manuel. «A idea era reflectir a nosa infancia, a vida de cando eramos pequenos. O meu home propuxo pintar un carro das vacas, coma cando iamos traballar ás leiras», explica ela, que non para de eloxiar o labor das pintoras. «Son moi boas, grandes profesionais», reitera.

«Eu pinto acuarelas, Lupe é quen ten experiencia cos murais. Cando ela dixo que si, eu tamén me metín na aventura», comenta María José. «Nun principio, esa era a única escena, cun home tirando do carro e unha muller sentada nel. Fixémolo na parte máis alta do muro, para que as figuras tiveran un tamaño natural», engade Lupe, que dirixe a intervención. Pero aínda quedaba moito muro (mide uns 15 metros de longo) sen policromar.

Entón, Maricarmen suxeriu pintar unha merenda no campo, coma as que lembraba de cativa en Queixeiro. E as artistas déronlle forma e incorporaron un rabaño de ovellas e un carneiro, e o millo. Así ata encher toda a parede dispoñible, que vai perdendo altura, polo desnivel, o que lles obriga a traballar de xeonllos e mesmo ás veces deitada na beirarrúa, no caso de María José. Comezaron en setembro e a medida que avanzaban empezaron a recibir louvanzas, dos peóns e dos condutores, xa que están ao pé da estrada xeral. O mural chama a atención da xente, polo seu realismo, os debuxos e as cores, e deixa en evidencia un poste de teléfono que queda no medio, molesto para o tránsito e agora tamén para observar esta peza de arte urbana.

Maricarmen sae tres ou catro veces ao día á rúa só para ver o mural. «Estou esperando que alguén máis nos copie, que fagan outros, que sexa unha estrada famosa polos murais», repite entre risos a propietaria. «Todo o que sexa reflectir a cultura galega paréceme moi importante —subliña—. A emigración foi a nosa salvación, tivemos bos traballos, vivimos moi ben, moi respectados por todos. A escola da vida ensinounos moito. Aquel país deunos unha prosperidade moi boa para o final da vida... Pero estamos moi contentos na nosa terra».