Bea vive con «moitísima ilusión» este proxecto, disposta a «experimentar». «A la máis ruda e máis resistente pódela empregar para facer unha alfombra, e a máis suave, para un vestido ou un gorro, tes que irte adecuando, e pódela aproveitar toda para distintos usos», engade. Quere compartir os seus coñecementos a través desta escola taller. «Cando ves todo o proceso sorpréndete e dáslle máis valor, lavar a la con auga e xabón no río, coma toda a vida, abrila, escarpizala, cardala, fiar, que realmente é sacar o fío suficiente para producir unha prenda, e despois calcetar, ganchillar ou bolillar», enumera.
A súa idea é sacar adiante un negocio, pero tamén reivindicar o propio: «Deseñar e confeccionar produtos únicos e exclusivos e amosarlle ao mundo de onde saen, todo natural, incluso as tinguiduras... Iso que os ingleses souberon facer moi ben, nós tamén podemos facelo en Galicia». Como tótem do proxecto Miss Lanas Cabanas está Rodolfo, un dos carneiros de Delfín, polo que Bea recoñece que sentiu «amor a primeira vista».