Pedro Beda podería chegar á final polo ascenso tras confirmarse que non ten ningún tecido roto

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AS SOMOZAS

MONICA IRAGO

No caso de Campillo, non se descarta a súa presenza na semifinal

14 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A aparición dun caso de covid-19 nas filas do Somozas impediulle ao Arousa completar o pasado domingo o seu calendario da fase polas dúas prazas de ascenso directo á Segunda División R.F.E.F.. Tanto o encontro que debía disputar co cadro de Ferrolterra no céspede da Lomba como o duelo entre o Alondras e o Polvorín no Campo do Morrazo quedaron en suspenso. Á espera de coñecer as novas datas por parte da Real Federación Galega de Fútbol, algo que se prevía para onte á noite nunha xuntanza do ente federativo cos seis equipos implicados, tanto os dous encontros sinalados como as tres eliminatorias da promoción de ascenso das que sairá o terceiro e último billete aéreo galego á categoría de nova creación adíanse non menos de dúas semanas, descartada xa tamén a presente para xogar. Unha circunstancia que o Arousa padece cando estaba inmerso no seu mellor momento da tempada. Pero tamén unha oportunidade para recuperar a dous homes claves no sistema de xogo do cadro de Rafa Sáez para o duelo no que, de chegar a el, pelexará polo ansiado ascenso: Pedro Beda e Campillo.

O primeiro, home-gol do equipo, sufría no último encontro disputado polo Arousa a luxación do seu ombreiro dereito cando inda non ían sequera 20 minutos do choque co Bergantiños, que o cadro de Carballo acabaría gañando para certificar deste xeito o seu salto á Segunda División R.F.E.F. Esta semana o dianteiro brasileiro coñecía os resultados da resonancia magnética á que se sometera o venres pasado para ver o estado dos tecidos da zona mancada unha vez descartada calquera fractura ósea nunha radiografía anterior. E tamén esta segunda proba resultou satisfactoria. «No hay nada roto, solo luxación», comenta Pedro Beda.

Cos resultados da última proba na man e consultado o especialista da Federación Galega, o punta di que «haciendo cuentas, podría llegar a la final». Unha cita que aparece no horizonte dos domingos 6 ou 13 de xuño dada a situación polo caso de covid-19 no Somozas. Pedro Beda iniciou un novo período de dez días fóra do grupo, no que deberá centrarse en fortalecer os tecidos do seu ombreiro dereito, unha zona que inda ten inflamada e na que fora intervido cirurxicamente cando tiña 15 anos. O motivo, conta, as reiteradas luxacións que sufría nesa articulación. Afortunadamente, o médico da Federación entende que a lesión ante o Bergantiños non supón unha marcha atrás, ao térselle saído o ombreiro do sitio cara atrás e non cara diante como lle sucedía cando era rapaz.

Así as cousas, Pedro Beda confía en volver ao traballo de carreira o vindeiro luns e reintegrarse ao grupo sete días despois, quedando a partir de aí a expensas da súa capacidade para recuperarse fisicamente do parón.

O seu compañeiro Campillo, xefe da defensa arlequinada, semella ir un chisco máis avanzado na recuperación dunha microrrotura nos isquiotibiais e desde o Arousa non descartaban onte o seu concurso na semifinal polo ascenso.

A competición seguirá parada sete días máis e barállase xogar cruces entre semana

A Real Federación Galega de Fútbol convocou os seis equipos que pelexarán pola terceira e última praza á Segunda División R.F.E.F. a unha videoconferencia a última hora da tarde de onte. A razón, tentar poñer de acordo os implicados, Arousa, Polvorín, Alondras, Somozas, C.D. Estradense e Choco, nas novas datas para as tres eliminatorias da promoción de ascenso, previa disputa dos dous partidos pendentes entre Arousa e Somozas e Alondras e Polvorín dos que sairá a orde de terceiro e de cuarto clasificado, pelexa pechada entre o cadro arlequinado e o filial do C.D. Lugo, e do quinto e do sexto, no que Somozas e Alondras tampouco teñen inda concluído o seu duelo. Un contencioso de primeiro nivel, por canto a mellor clasificación decidirá o factor campo nas tres eliminatorias, dándolle ademais o triunfo ao mellor colocado á termo da fase intermedia se os cruces rematan con empate tras o tempo regulamentario e a prórroga, sen lanzamento xa de penaltis.

Desde a Federación confirmaron xa onte pola mañá que o Arousa-Somozas e Alondras-Polvorín tampouco se xogarán esta fin de semana, en tanto o Somozas non tería posibilidade de retomar os adestramentos antes do luns 17.

Dado o interese dos implicados en rematar canto antes a promoción para non entrar en máis gastos a medida que se avance no mes de xuño, todo apunta a que a lo menos unha das súas eliminatorias se xogue entre semana. O Arousa, adiantou o seu vicepresidente Rodrigo Lojo, ía á videoconferencia con intención de propoñer xogar co Somozas o sábado 22, os cuartos o mércores 26, as semifinais o domingo 30 e a final o domingo 6 de xuño.