O centrocampista do Compsotela podería xogar en calquera posición, incluso debaixo dos paus
21 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Roberto Baleato lembra que de neno, na rúa e no fútbol sala, non o botaba para atrás ter que se poñer como porteiro. Tamén lle colleu o gusto a marcar goles. Mais cando comezou xa en serio no fútbol once situouse como central e agora fai carreira como medio centro.
-¿Que se lle da mellor, meter penaltis ou paralos?
-A verdade é que o tema de porteiro gústame. Dáseme relativamente ben. Teño un trofeo dunha batalla de porteiros no meu pobo, organizada polo Dubra. Cheguei á final e gañei. Tiralos tamén me chama. Algún teño fallado.
-Daquela, se fai falla un porteiro e están esgotados os cambios, Baleato voluntario.
-Entendo que tería que asumir esa responsabilidade. Non habería ningún problema.
-En calquera caso, veu como temón e áncora. ¿Xogou en algún equipo que dominase tanto os partido a través do balón?
-Nunca con este dominio a nivel de posesión e chegadas. En Ferrol tamén eramos bastante dominadores, e en Somozas eramos máis de contraataque, pero tamén con sensación de dominio, porque non sufríamos. Quizais era más unha sensación de superioridade, non tanto de dominio.
-O Compos crea moito en ataque, pero quizais non se pon en valor o pouco que lle chegan.
- É o que se traballa durante a semana. Polo noso xeito de xogar, a debilidade ven cando perdes o balón, porque te pillan aberto. O corpo técnico insiste moito en equilibrar, en que haxa posicións intermedias para controlar posibles perdas.
-¿Primo é a peza que se botaba en falla?
-A verdade é que nos vén moi ben. Levamos bastantes goles, pero polo número de chegadas a área eran poucos. Chegou moi enchufado e a adaptación foi rapidísima.
-¿Que balance fai a nivel persoal deste primeiro tramo?
-Estou moi contento, aprendendo moitas cousas. Non me atopo en zona de confort en ningún momento. Iso fai que avances. Por xogo e fisicamente estoume atopando ben. O equipo tamén responde. A convivencia é superfácil. Todo ben.
-¿Entende o que lle está a pasar ao Bergantiños?
-Ás veces hai momentos. Ao mellor non empezaron ben de forma. E no fútbol as dinámicas son caprichosas. Igual estás de doce e gañas cando non o mereces que todo sae ao revés e perdes facendo un bo partido. Pero seguro que irá cara arriba.
-¿O Ourense CF é o gran rival?
-Ata o de agora é o que máis puntos leva. Todos imos pasar momentos bos e malos, pero creo que se van manter sempre arriba. Igual que outros equipos como o Fabril ou o Arousa.
-¿Que espera do Paiosaco?
-Non está en boa dinámica. Xogamos contra eles na Copa e pasamos por penaltis, por iso sabemos as dificultades que nos van poñer. Penso que van tratar de roubar e saír, como fixeron no verán. Daquela sacaron un penalti e unha expulsión.