Hume entrega os premios de investigación e presenta a revista o día 3 nas Pontes

LA VOZ AS PONTES

AS PONTES

<span lang= gl >Fachada da Casa Dopeso</span>
Fachada da Casa Dopeso CONCELLO AS PONTES

A Asociación de Estudos Históricos e Sociais obsequiará a cada asistente cun exemplar da publicación, que acada o número 18

02 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Estudos Históricos e Sociais Hume, de As Pontes, presenta este venres, día 3 de xullo, o número 18 da revista homónima, nun acto previsto para as 20 horas na Casa Dopeso. Tamén se entregarán os premios do décimo certame de investigación que convoca esta entidade, coa presenza dos gañadores: Gael Uxío Proupín Cantelar, de Brión, e Juan Carlos Vázquez Arias, de Pontedeume.

Entre os nove artigos que compoñen a revista figuran un texto de Javier Barcón sobre a historia e a evolución da praza do Hospital; outro de Marcos Souto sobre a creación do concello constitucional de As Pontes; e as memorias da xestión da empresa Encaso, entre 1943 e 1972, de Carlos Romero. Soledad Souto escribe sobre José Antonio Velo, «36 anos no corazón da central térmica», e sobre Belén Soto, tamén ligada á central.

Iago Isasi e David Pereira abordan os lindes parroquiais do municipio segundo o Catastro da Ensenada; Cristina Souto indaga nas «distintas aproximacións ao crime franquista das Barosas»; e Xosé Carlos Breixo aproxímase á figura de Juan Tomás Rodríguez de Santiago, escultor, autor do retablo do altar maior da igrexa de Santa María das Pontes.

O últmo artigo, titulado Recollida da cultura popular feita polo equipo de etnografía da Asociación Hume, asínano Fina Blanco, Antón Carballo e Carlos Romero. Cada un dos asistentes á presentación recibirá un exemplar da publicación.