As Pontes tómalle o pulso ao jazz: «Este festival é unha aposta pola vangarda»
AS PONTES
O talento galego tomará o Cine Alovi os días 8 e 9 de maio, con Abe Rábade e Antía Muíño, a Orquestra Galega de Liberación e o cuarteto Copos de Avena
02 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O latexo do jazz soará os días 8 e 9 de maio nas Pontes. Nace PULSO, un festival que «aspira a converterse nun punto de encontro arredor do jazz e a creación contemporánea en Galicia, cunha clara aposta polo talento galego, en especial artistas que están a renovar as linguaxes musicais do país», destaca Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura, que convida ao público «a deixarse levar pola experiencia da música ao vivo» e confía en que a cita se consolide no calendario. Para Aitana Cuétara, responsable de Luneda Producións e directora artística de PULSO, «é unha alegría que xurdan iniciativas así, que se afastan da estética homoxénea que hai agora mesmo en todos os festivais e programacións, públicos e privados, e que un concello pequeno impulse esta aposta pola vangarda, polo jazz, pola escoita...». Alegría tamén «polo risco», continuou Cuétara, en alusión ao concerto da Orquestra Galega de Liberación, con case vinte músicos no escenario.
«É un proxecto que naceu para facer un único concerto, asumindo a inviabilidade dun proxecto tan grande cunha proposta tan arriscada. Pero, sorprendentemente, seis anos despois, está máis vivo ca nunca, xa fixemos un par de actuacións fóra de Galicia e mantemos o pulso», apunta o seu director, Xacobe Martínez Antelo. Di que é «complicado de explicar e sinxelo de entender». A improvisación é a súa materia prima. «Hai xente que vén do jazz, do rock, da música contemporánea, da performance, do free... disciplinas moi diversas, e a través de distintas técnicas de vangarda, aínda que non son novidosas no tempo, porque xa se veñen utilizando desde os gregos ata a época moderna, como é a dirección con signos, desde Leonard Bernstein a Frank Zappa, pasando por Duke Ellington, Mingus, Butch Morris ou Walter Thompson, quen comezou a desenvolver esta linguaxe nos anos 70», explica. Defínese coma «un tipo tranquilo», a quen, musicalmente, lle gusta sentir que está «a piques de perdelo todo, un estado de gracia que é marabilloso». Coma o ritual da música en vivo e a improvisación, e desde esa autenticidade celebra que xurda PULSO, «un festival con músicos do país, profesionais, talentosos, con traxectorias recoñecidas internacionalmente...».
É o caso doutro compostelán, Abe Rábade, «un dos pianistas máis ilustres e respectados do circuíto jazz estatal», subliña a organización. El está encantado de sumarse a un festival producido por Aitana Cuétara e de subir ao escenario con Antía Muíño, cantante, guitarrista e compositora. «Coñecémonos o ano pasado en Palma de Mallorca, estabamos nominados para dous premios, mellor disco de jazz e mellor disco galego do ano, e perdemos os dous aquela noite [risas]. Ao pouco escribiume para un concerto na Borriquita, con música orixinal dela e miña. Foi poñer unha corda no piano, escoitala cantar e dicir ‘wow, aquí hai algo moi potente'», relata Rábade. E acabaron gravando un EP cun tema del, «feito a partir dun poema de Celso Emilio Ferreiro que se chama Eu en ti», e un tema dela, Vente vindo». E van facer outro disco, Nova Botánica.
Rábade di que poucas veces se sente «esa química» da que poderá gozar o público nas Pontes. O festival botará a andar o venres, 8 de maio, ás 20.30 horas, co cuarteto Copos de Avena, «cun repertorio que explora a herdanza da música latinoamericana desde a liberdade do jazz, combinando boleros, bossa nova, tradición e vangarda». Xusto antes de que suban ao escenario do Cine Alovi Abe Rábade e Antía Muíño. O sábado será o día da Orquestra Galega de Liberación, unha experiencia sempre única, desde a máis pura improvisación. As entradas están á venda na web https://aspontes.sacatuentrada.es/