As Pontes súmase ao proxecto «Muller dixital» que inicia mañá

La Voz AS PONTES / LA VOZ

AS PONTES

Unas manos de mujer escriben en el teclado de un ordenador, sobre una mesa de madera
Unas manos de mujer escriben en el teclado de un ordenador, sobre una mesa de madera EUROPA PRESS

Muller Dixital ofrecerá un itinerario formativo deseñado para ir avanzando desde un nivel básico de competencias dixitais ata un nivel máis avanzado

26 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello das Pontes súmase ao proxecto Muller Dixital, unha iniciativa aberta e de balde que ten como obxectivo mellorar as competencias dixitais das mulleres galegas que se atopan en situación de desemprego e que lles permitirá aproveitar as posibilidades asociadas ás tecnoloxías dixitais, con énfases na redución da fenda de xénero e na capacitación dixital das mulleres no ámbito rural, para o emprendemento, o acceso á información, o procesamento e uso para a comunicación, a creación de contidos, a seguridade e a resolución de problemas. Muller Dixital ofrecerá un itinerario formativo deseñado para ir avanzando desde un nivel básico de competencias dixitais ata un nivel máis avanzado, a través de dous módulos de formación, de 40 horas de duración cada un deles, que se completará cun módulo transversal sobre igualdade de oportunidades.

Será necesario realizar unha proba de nivel que se celebrará mañá martes, 27 de setembro, ás 17.00 horas na Casa Dopeso. Unha vez avaliados os resultados, estableceranse os grupos de formación, segundo niveis, e fixaranse as datas e horarios das sesións formativas. Poderán participar neste programa mulleres desempregadas ou en situación de mellora do emprego das Pontes, sendo obrigatorio ter a demanda de emprego activa no momento de inicio da formación. Ao remate, recibirán un título oficial e, Lorena Tenreiro, concelleira de Medios Locais, apuntou que «para a realización dos programas formativos, conscientes das dificultades de acceso á tecnoloxía que pode ter as mulleres participantes, facilitaráselles unha tablet para a execución do curso. Unha vez finalizada a formación, a tablet será regalada a cada alumna».

Financiado pola Unión Europea no marcodo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, preséntase, en palabras da edil de Igualdade, Tania Pardo, como «unha oportunidade única para formarse, avanzar e mellorar o currículum de cara un mercado laboral no que a dixitalización é unha obriga». Para máis información sobre o curso, o teléfono dispoñible é o 881 820 345.