As Pontes impulsa o seu tecido empresarial cunha partida de 80.000 euros

Gala Dacosta Diehl
Gala Dacosta FERROL / LA VOZ

AS PONTES

Concello As Pontes

A oitava edición do programa As Pontes Emprende ten como obxectivo incentivar a creación de novos proxectos empresariais no Concello

09 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de As Pontes destinará 80.000 euros ás achegas para a creación de empresas, a través dunha nova edición do programa As Pontes Emprende, destinado a fomentar a actividade empresarial, contribuíndo deste xeito á xeración de emprego no ámbito municipal do Concello das Pontes.

A oitava edición deste programa, posto en marcha no 2015, ten como obxectivo fomentar a actividade económica, incentivar a creación de novos proxectos empresariais e dinamizar a pequena e media empresa, ofrecéndolles un apoio para que poidan afrontar o reto de establecerse como traballadores por conta propia ou o da posta en marcha dun proxecto empresarial. Esta achega súmase aos 254.370,03 euros destinados nas edicións anteriores e que permitiron apoiar a 95 emprendedores e xerar máis dun centenar e medio de postos de traballo en sectores como o da agricultura ecolóxica, o comercio, a hostalaría, a construción, a carpintería metálica ou servizos profesionais.

Ana Pena, responsable de Industria e Emprego, di: «con esta nova convocatoria, amosamos, unha vez máis, o compromiso do goberno local coa actividade emprendedora do municipio, adoptando, dentro das nosas competencias, todas as medidas oportunas para fomentar a capacidade creativa e emprendedora dos nosos veciños e veciñas». Resaltou a importancia das persoas emprendedoras na economía local: «Son unha fonte de riqueza e un elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido empresarial local. Contribúen ao sostemento da economía local e son xeradores de centos de postos de traballo». O programa contempla dúas liñas de actuación, ambas cun importe de 2.000 euros. Impúlsate está destinada a sufragar os gastos de alugueiro e a liña Instálate cubrirá os gastos de inmobilizado material e inversión na adecuación de locais para a posta en marcha da actividade.