«Sentidiño, que cabeza ten calquera»

ANA F. CUBA AS PONTES / LA VOZ

AS PONTES

CEDIDA

Este é un dos ditos populares e das frases dos veciños de As Pontes escritos en 35 pasos de peóns da vila, dentro do proxecto Pasos con letras

30 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai quen pasa de largo e hai quen se detén e mira por onde pasa. Na vila de As Pontes convén pararse a observar onde se poñen os pés, non vaia ser que, sen pretendelo, alguén lle pise o rabo ao lagarto pintado na saia da Carolina, que se move cando ela baila. A frase orixinal é unha das 35, todas diferentes, que se poden ler noutros tantos pasos de peóns desta localidade. Son Pasos con letras, un novo proxecto de arte urbano ideado pola empresa Deloga, co apoio do Concello.

«A idea era facer algo colectivo e escapar do muralismo [logo dun intenso e exitoso traballo, ao longo dos últimos meses, dentro da iniciativa As Pontes EnPezas], queriamos facer algo distinto como colofón a este ano», explica Ismael Blanco, director de Deloga. «Malo será!», pensaron. E este foi outro dos dez ditos populares galegos que seleccionaron para pintar o asfalto pontés.

Os pasos de cebra interpelan -«E ti... de quen vés sendo?-, advirten -«Habelas hailas», «Marcho, que teño que marchar» ou «Sentidiño, que cabeza ten calquera»-, sentencian -«Nunca choveu que non escampara», «Se chove, que chova!», «Vento nas pontes, auga nas fontes»- e mesmo convidan á troula -«Éche un andar miudiño, miudiño, miudiño, o que eu traio»-. «A idea, agora, é facer coma unha ruta polos 35, algúns están en rúas próximas entre elas e dá pé a iso», comenta Blanco.

Deloga pideu a colaboración veciñal, e do cento de frases que recibiron escolleron 25, a maioría alusivas á vila e ao seu entorno: «As Pontes, chuvia e alegría. Orgullo incomprendido, sen telo vivido nin sentido», de Andrés Pita; «Eume, fresco murmurio no abrazo verde das fragas, emerxen contos e lendas da maxia das túas augas», de Gloria David; ou «Na pel do Eume marquei os meus soños», de Ofelia López. Tamén os hai anónimos: «Moitos lares coñecín e se algo aprendín é que a miña vila sempre tira por min», «Ao abrigo do Caxado e regada polo Eume está a vila de As Pontes, onde por pasar quedeime» ou «Vila de As Pontes, vila querida, solo aquí non me sinto perdida».

Plasmalas no chan non resultou doado. «O que máis traballo deu foi preparar as plantillas e escoller as zonas, todo no casco urbano, pero por barrios nos que non había murais. Por exemplo, na Casilla, onde se puxeron catro», indica Blanco. Cos textos máis extensos esgotábanse en seguida os botes de pintura. E, sen pretendelo, os participantes no proxecto convertéronse en «Artistas que tornean soños coas voltas do tempo», outra das frases elixidas, de Diego González.

Sonia Sueiro, autora, coa colaboración da Asociación de Pais e Nais de Persoas con Trastorno do Espectro Autista (Aspanaes), do mural do banco dos bicos, reincide, e non dubida en afirmar agora que «Nas Pontes os bicos están moi ricos». «Vai amodiño, disfrutando do camiño», aconsella un dito anónimo; e Xosé María Ferro propón «Cumios, furnas e soutelos, espazos máxicos nos que me perder». Quen camiñe pola vila pontesa a partir de agora pode cumprir algún soño: «Nós se pechamos os ollos podemos voar», de Santiago del Moral.

O proxecto Pasos con letras responde ao mesmo concepto que As Pontes EnPezas, arte urbano cun enfoque «social, público», como apunta Blanco. Nesta mesma liña deseñaron chapas reproducindo os murais. «Fixemos dúas mil de 25 modelos distintos, e acabáronse», conta o responsable de Deloga. A el e aos seus compañeiros gústalles a idea de que «a xente leve cachiños», e agora tamén letras, que sorprenden a cada paso nas rúas da vila.