Xiana Lastra: «Vai ser emocionante cantarlle á miña nai en As Pontes»

María Meizoso AS PONTES / LA VOZ

AS PONTES

CEDIDA

A Banda da Loba, da que forma parte Lastra, presenta o sábado no Alovi o seu último disco

29 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ela pon a voz. E tamén moito corazón. Xiana Lastra é unha das pezas dun quebracabezas que compoñen Estela Rodríguez, Andrea Porto, Inés Mirás e Marcela Porto. Todas elas son A Banda da Loba. E están de volta, despois do seu primeiro e exitoso disco, Bailando as rúas. Agora chegan con Fábrica de Luz. O sábado, ás 20.00 horas, estarán no auditorio Alovi de As Pontes

-Redondela, Compostela e Vigo. Agora As Pontes. Como vai o inicio de xira?

-Ía moi ben, pero xusto o concerto da Coruña tivemos que suspendelo porque enfermou Estela. Pero, ao marxe diso, os que levamos feito, moi, pero que moi ben. As impresións son realmente boas. No caso de Santiago, na sala Capitol, sempre é especial porque é tocar na casa. Vivimos case todas nós alí e é onde facemos o noso día a día. Xuntouse a esixencia que ten tocar nunha sala como esa, cun aforo moi grande, co feito de que impón estar ante xente coñecida. Pero, ao final, a verdade é que saíu moi ben, a sala estaba chea e a acollida foi xenial. Pasámolo moi ben.

-Regresan con grandes cambios?

-Este é un disco parecido a Bailando as rúas, no sentido de que conservamos o mesmo concepto de facer a música que nos apetece. Seguimos falando, nas nosas letras, das cousas que nos importan e nos preocupan. E intentamos que todas teñas unha mensaxe, que os que as escoiten teñan que darlle un pouco á cabeza. Pero tamén hai diferenzas. Por exemplo, na sonoridade. Cambiamos a guitarra española pola eléctrica e a acústica. E, sobre todo, temos unha maior madurez como banda e iso nótase á hora de tocar, en como soamos.

-Despois do bum acadado co primeiro disco. ¿Pesa máis a euforia ou o medo?

-Dá un pouco de medo porque cando che vai tan ben co primeiro traballo pretendes manterte. Non é doado conservar ese nivel, sobre todo de concertos. Pero xa o perdemos un pouco porque na propia gravación quedámonos moi satisfeitas, é un traballo mellor. Agora, ao volver a pisar os palcos e ver a respostas do público, estamos máis tranquilas.

-A peza angular do novo traballo é o concepto de nai. Por que?

-Era algo que nos apetecía e que tamén veu dado pola casualidade porque levabamos varios temas compostos durante a anterior xira e, cando levabamos dúas ou tres cousas, démonos conta de que quedaban ben debaixo dese paraugas de nai. No sentido literal e tamén no máis amplo, no da creación e no da nosa identidade.

-O sábado que vén estará actuando nas Pontes, unha vila coa que mantén uns fortes lazos.

-Miña nai e o meu avó materno eran das Pontes e aínda segue vivindo aí parte da miña familia. Agora, desde hai un tempo, meu pai e a miña irmá viven en Ortigueira, así que aínda estou máis preto. Pero a vinculación é desde sempre, tamén con moitas amizades coas que disfrutei de moitos momentos e de moitas romarías da Fraga.

-A noite promete ser inesquecible. Que agarda do público que se achegue ao Alovi?

-Sei que vai ser un concerto moi emotivo, irá moita xente coñecida, amigas e amigos que teño desde a infancia e unha parte de familia. E o feito de que a miña nai sexa das Pontes vaino facer máis emotivo porque irá xente coñecida dela. Ademais, neste disco inclúese unha canción que lle dediquei a ela. Morreu fai dous anos e pico, cando estabamos co proceso do primeiro disco. Nese momento, non tiña ánimo, pero quería facerlle esa homenaxe e que mellor que facelo neste último disco no que se fala da idea de nai. Sen dúbida, vai ser moi emocionante poder cantarlle nas Pontes.

«Seguimos falando, nas nosas letras, das cousas que nos importan e nos preocupan»

«Temos unha maior madurez como banda e iso nótase á hora de tocar, en como soamos»