Víctor Meizoso: «Asociacións como Adiante son máis necesarias que nunca»

M. Dopico AS PONTES / LA VOZ

AS PONTES

Meizoso exerce na entidade como educador, pero tamén coordina os diferentes programas da mesma

01 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Por primeira vez, a Asociación de Persoas Alcólicas Rehabilitadas Adiante de As Pontes pon en marcha un Taller de Mellora da Comunicación Familiar. «Nunca antes nos dirixíramos desta maneira e con este enfoque ás nais e aos pais da nosa vila. Aínda que algúns dos aspectos que imos abordar xa están implementados noutro tipo de iniciativas», sinala Víctor Meizoso, educador social e coordinador dos programas que se veñen desenvolvendo desde a entidade.

-Especificamente, ¿para quen está pensado?

-Para nais e pais que desexen mellorar a súa comunicación intrafamiliar. A maioría das veces os procesos de comunicación se analizan dende a perspectiva dos propios ollos, e poucas veces dende os ollos alleos. Valorar esta perspectiva facilita unha prevención e resolución dun conflito a través da comunicación.

-¿Que sinais detectaron na rúa para decidir activar esta iniciativa?

-A través dos distintos programas que ten Adiante, concretamente nun de educación emocional que se está implementando desde fai anos nos institutos, percibimos que hai un obstáculo entre os rapaces e os pais, entre a forma de comunicarse. Algo está fallando e, sen fluidez nesa comunicación, é moi difícil resolver un conflito.

-¿Que aspectos concretos teñen previsto abordar?

-A estrutura do curso vai consistir basicamente en catro módulos. O primeiro baixo o título Que entendemos por comunicación. Aí, imos intentar separar a comunicación verbal da corporal. Outro capítulo tratará de explicar o que entendemos por conflito. O terceiro será de prevención e resolución de conflitos a través da comunicación e, o último, servirá para abordar técnicas específicas de comunicación efectiva, asertiva e non violenta.

-¿Que resposta agardan?

-O noso desexo é que se cubran todas as prazas. O período para anotarse está aberto ata que se enchan as prazas. A idea é ter un grupo de entre 15 e 20 persoas durante todo o curso escolar, de outubro ata xuño. Sería unha sesión ao mes. Os interesados poden anotarse no correo electrónico adiante@hotmail.com, nos teléfonos 981 440 498 e 638 471 793 ou na propia asociación.

-Ao marxe desta iniciativa, ¿contan con algunha outra novidade?

-Durante máis de 25 anos, Adiante fixo un traballo moi importancia de asistencia. A atención foi basicamente psicolóxica, centrada nas persoas usuarias adictas e sesións con familiares. Desde fai un par de anos, a entidade quixo tocar outras áreas. E así chegou o programa anual nos institutos, o taller de desenvolvemento persoal, o servizo especializado na prevención de adolescentes, a creación dun grupo específico de mulleres adictas e familiares e as sesións de alfabetización emocional asistido con cabalos. Para este ano propuxemos o inicio do programa Inspírate a través de técnicas de respiración. Os datos dos observatorios din que cada vez o inicio do consumo de sustancias aditivas é mais baixa. A media está en 12 anos. Así que somos máis necesarios que nunca. Ademais, o perfil de consumidor mudou. Agora nos atopamos con policonsumos, algúns xa asociados tamén a temas de xogos. A intervención, tanto a individual como a familiar, é aínda é máis complexa.