Morre Pedrón do Freixo, símbolo dunha Galicia que atravesou a historia en silencio

José María Tojeiro Pita, protagonista dun documental sobre as vellas terras pontesas que desvelou a secreta grandeza da súa existencia, recibirá sepultura esta tarde


Chamar, chamábase José María. José María Tojeiro Pita. Pero, máis alá da fría rixidez burocrática dos papeis do rexistro, el será sempre, na alma de Galicia, e agora  a través da eternidade, Pedrón do Freixo. A súa historia, unha historia de adversidades, de soidade e de resistencia, podería ser a historia dun país enteiro. E el podería ter pasado por este mundo, claro que si, sen deixar máis rastro que o recordo da xente que o quería. Pero chegou, entón, o documental de Ángel Cordero, o documental titulado precisamente "Pedrón do Freixo, unha historia da Terra das Pontes". E nese momento a súa realidade transcendeu o lugar pontés que el habitaba para adquirir, gracias ás novas tecnoloxías e á paixón por contar o que de verdade paga a pena, a súa auténtica dimensión; esa universalidade que tanto merecía. O caso é que Pedrón do Freixo morreu onte. Tiña 85 anos de idade. E esta tarde recibirá sepultura no cemiterio do lugar que quedará unido ao seu nome ata a fin dos tempos. Con el vaise unha maneira de existir. Pero a súa memoria perdurará, permítanme que insista niso unha vez máis: a historia de Pedrón será recordada sempre. Mirarán por ela o canto da curuxa, os ventos vagabundos de cada día, as pedras labradas por canteiros de esquecido nome, o lume da lareira, as lousas dos tellados, os camiñantes que van de porta en porta, os cabalos bravos que dormen no monte, a música das campás, o baile do galo, a chuvia e o sol e a lúa e a neve. Porque Pedrón era poesía, aínda que pode que el non o soubese.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos

Morre Pedrón do Freixo, símbolo dunha Galicia que atravesou a historia en silencio