Leite 100 % ecolóxico con selo pontés

MARÍA MEIZOSO AS PONTES / LA VOZ

AS PONTES

JOSE PARDO

A Gandería Roidiz, ubicada na parroquia pontesa de Ribadeume, afronta a recta final dunha reconversión que culminará nunhas semanas coa certificación oficial

07 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En 2003, Jorge Filgueiras (As Pontes, 1982) incorporouse á gandería familiar. E alí segue. Con máis ímpeto e ganas se cabe porque, xunto coa súa nai -Malena Bellas- e a súa parella -Teresa Molina-, está a piques de culminar a conversión en ecolóxico da súa granxa. Os tres afrontan a conta atrás dun proceso que outorgará valor engadido á explotación que leva o nome do lugar no que se sitúa -Roidiz- na parroquia pontesa de Ribadeume. «Hai momentos duros, pero ao día seguinte levántaste e segues loitando. Os bos resultados e momentos coma este son os que animan», explica o mozo.

Autosuficiente

Trala certificación, o seguinte obxectivo será o de «xestionar o que temos -96 hectáreas e 70 vacas- e ser autosuficientes». Manterán o compromiso de escapar de «todo o químico» -tal e como xa veñen facendo- e chegarán á meta: ser autosuficientes. ¿Por que ese salto? «Levabamos tempo facendo actuacións medio ambientais, asesoreime e dinme conta de que faltaba coñecemento, así que formeime no comercio e na xestión». ¿Véndese ben a leite ecolóxica? «Nós traballamos coa industria, pero está claro que é máis sa, ten máis calidade, máis sabor e é máis duradeira», contesta.

Coa reconversión chegará o primeiro cambio, «o económico», pero tamén o impacto na saúde das vacas, «aínda que desde que comezamos xa notamos que están moito mellor», asegura Molina. Cunha produción de 500 litros diarios, que pasará a 600 dentro dun mes, Ganadería Roidiz vive a seu particular tempo de desconto. Nunhas semanas, da granxa familiar sairá, xa de forma oficial, leite 100 % ecolóxico con selo pontés.