Laura Vilaboy: «Hai que sensibilizar sobre os maiores»

maría meizoso AS PONTES

AS PONTES

Organiza unhas xornadas centradas na terceira idade que se celebran o día 20

10 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As Pontes acollerá o vindeiro 20 de outubro a segunda edición das Xornadas de Atención Integral Centrada en Maiores. Coordinando os diferentes relatorios, a educadora social Laura Vilaboy.

-¿Que obxectivos se ten marcado á hora de deseñar o programa de conferencias?

-En primeiro lugar, o meu principal obxectivo é sensibilizar á poboación acerca do colectivo das persoas maiores, xa que hai que romper moitos estereotipos, formar e informar sobre como actuar con eles e elas, facilitar recursos… Tamén prima informar acerca de recursos, coñecer profesionais que poñen en práctica o modelo de Atención Centrado na Persoa, e incluso expoñer experiencias innovadoras.

-¿Que asuntos serán os protagonistas?

-A temática está focalizada na Atención Centrada na Persoa, nova metodoloxía para traballar coas persoas maiores centrándose nos seus propios obxectivos, favorecendo as boas prácticas profesionais e fomentando a súa autonomía. Teremos profesionais que nos falarán da prevención da dependencia, recursos a nivel local como servizos sociais, servizo de axuda a domicilio, atención a persoas con discapacidade e maiores, terapia ocupacional, profesionais da familia profesional e tamén recursos máis prácticos como terapia equina e ioga da risa.

-¿En que aspectos poñería o foco para mellorar a atención aos maiores?

-Considero moi importante centrarse nos obxectivos de cada persoa. Temos que ter en conta que cada persoa é única, cunhas peculiaridades, casuística e capacidades diferentes, e á hora de realizar coidados tanto sanitarios como socioeducativos, os profesionais debemos atender ás mesmas. Deberíamos traballar baixo itinerarios personalizados de cada persoa.