«Estaba desexando volver á poesía, reencontrarme de novo cos versos»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

AS PONTES

ANGEL MANSO

Despois dun longo silencio creativo, a poeta traballa agora intensamente nun novo libro

30 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Medos Romero (Somede, As Pontes de García Rodríguez, 1959), autora de libros como Lenzo das madrugadas, A seitura dos tristes e O pozo da ferida, é unha poeta dunha fondura, dunha intensidade lírica, dunha riqueza expresiva e dunha autoesixencia que brillan, con luz propia, nas letras do noso tempo. E á vez é, tamén, unha narradora dotada dunha intensa e singularísima voz, capaz de camiñar, a través das sombras, polos máis ocultos sendeiros da corazón. O seu consciente -e irreductible- afastamento diso que se deu en chamar o mundo literario fai que a súa obra non sexa demasiado coñecida fóra dos círculos dos afeccionados á mellor literatura. E iso que posúe galardóns coma o que leva o nome de González Garcés. Pero esa é unha cuestión que non parece preocuparlle nin moito nin pouco. En realidade, parece non preocuparlle nada.

-O seu mundo é outro, evidentemente. E tamén as fontes das que beben os seus libros. Uns libros nos que a memoria non deixa de estar moi presente...

-Beberemos sempre das fontes da memoria, e da súa pegada nun mundo rico en soños. Eu cheguei á literatura partindo dese mundo, dun mundo no que a imaxinación era moi importante. En canto á poesía, eu creo sobre todo na que se asenta na propia vida. Esa é a poesía que eu quero, non a que ao fin acaba por ser unha pose e nada máis. A min gústame a entrega. Como me gustan as cousas que fan que a vida vaia mellou, ou alomenos o mellor posible. Creo que o corazón e a cabeza teñen que camiñar da man. Como creo que hai que buscar a beleza. Para min, a mellor poesía é a que camiña na procura do sublime.

-Estivo moito tempo sen escribir...

-Sí, é certo. Botei moito tempo sen escribir, pero estaba desexando volver á poesía, reencontrarme de novo cos versos. Pasei por momentos moi duros, por eses momentos durísimos que hai nas vidas todas, e daquela non era o momento de escribir, senón de dedicarse por enteiro ao que máis importa: ás persoas.Pero agora, como digo, volveu o momento de escribir, e estou traballando nun novo libro.

-¿Un ibro de versos?

-Si, nun libro de versos. Sinto que aínda que puidese tamén seguir coa narrativa, o meu verdadeiro camiño é a poesía. Sinto que os versos son a maneira na que me quero expresar na escrita. Percibo iso máis que nunca.

-¿O paso do tempo cambiou a súa visión do mundo?

-Creo que si. Quero vivir para o presente, non para o futuro. E menos aínda para o pasado, porque o pasado é un lugar ao que nunca vou poder volver. A lembranza das cousas queridas que se perderon e da xente que marchou sempre me acompaña e me vai acompañar, pero sei que todo iso foise. Eu hoxe quero, máis que nunca, vivir.