Etnoeume: A Capela entre zocas, cestos, fiandeiras e folla de lata

A. C. A CAPELA / LA VOZ

A CAPELA

Fernando Redondo, latoeiro, nunha demostración do seu oficio na feira
Fernando Redondo, latoeiro, nunha demostración do seu oficio na feira JOSE PARDO

A feira etnográfica xuntou oficios tradicionais, música, produtos da terra, xogos infantís e divulgación

24 sep 2023 . Actualizado a las 18:02 h.

Fernando Redondo, experto do oficio, amosoulles hoxe aos visitantes de Etnoeume como traballar a folla de lata. Quen acudiu á feira organizada polo Museo Etnográfico da Capela puido ver traballar a artesáns que levan a vida dedicada ás zocas, os cestos, a cantería, a talla de madeira, o vidro, o fío (coas fiandeiras do colectivo de mulleres Cabanas Rural), o torno ou a cera, e mesmo un escultor de madeira con motoserra. Sen esquecer as lavandeiras de Sillobre.

No lugar do Pazo, no municipio de A Capela, xuntáronse uns sesenta postos, entre os que tamén houbo artesanía «moderna», de coiro e téxtil, e produtos da terra á venda, da man da Cooperativa Campo Capela ou da Casa do Mel de Goente. O presidente desta última ,Manuel Ferreira, comentou que «a feira foise animando pola tarde».

Na feira xuntáronse uns sesenta postos de distintos produtos e non faltou a música (na imaxe, actuación de Silbarda)
Na feira xuntáronse uns sesenta postos de distintos produtos e non faltou a música (na imaxe, actuación de Silbarda) JOSE PARDO

O sol quentou deste primeira hora, como destacou Abel Fraga, membro da organización, e a música puxérona Os Sobraos, Silbarda e Faíscas da Pontraga (o concerto está programado para as seis da tarde). Os xogos infantís foron outra das atraccións da tarde e o enxeñeiro agrónomo Fernando Almeida falou sobre o pan tradicional e o pan de Indicación Xeográfico Protexida (IXP). Para o remate, sobre as sete e media, resérvanse os sorteos.