A escola do rural de Ferrolterra: «coles moi grandes»

ANA F. CUBA FERROL / LA VOZ

A CAPELA

O alumnado e docentes do CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro, da Capela, diante do centro
O alumnado e docentes do CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro, da Capela, diante do centro CEDIDA

Os CEIP máis pequenos, con aulas mixtas, distínguense pola atención individualizada ao alumnado, polo dinamismo e pola súa estreita relación coas familias e co entorno

22 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os colexios de Moeche, A Capela, A Barqueira (Cerdido), O Barqueiro (Mañón) e As Somozas andan polos 50 estudantes, son centros pequenos pero moi activos, nos que conviven nas aulas nenos de diferentes niveis, e uns aprenden dos outros.

O equipo docente e o cociñeiro do CEIP da Barqueira, en Cerdido, diante do mural que preside a biblioteca
O equipo docente e o cociñeiro do CEIP da Barqueira, en Cerdido, diante do mural que preside a biblioteca

CEIP da Barqueira (Cerdido): Os nenos son o mellor deste centro

No CEIP da Barqueira, en Cerdido, son 52 escolares —16 na aula de Infantil; seis na de 1.º de Primaria, 11 na de 2.º, seis na de 3.º e 4.º, e 13 na de 5.º e 6.º— e sete profesores, máis a orientadora, que vén de Cariño, e o especialista en audición e linguaxe, de Moeche. A ferrolá Araceli Montes é a directora: «Foi o meu primeiro destino e xa pedín a definitiva. Un colexio pequeno ten moitísimas vantaxes, a relación coas familias e cos nenos, que son marabillosos, o mellor deste cole, o trato individualizado...».

A biblioteca é o corazón deste centro, do que parte o proxecto de investigación transversal (desde todos os niveis e áreas), que este curso trata o Camiño do Mar e que culmina coa publicación dun libro (científico, interactivo e feito polos propios escolares) pola editorial Trasno Trouleiro, «a mascota da biblio». Contan con equipo de radio e cunha aula de robótica, con equipos que se empregan nas distintas materias. E aparte da biblioteca principal está «a creativa [planta baixa], con cociña, pinturas e outros materiais para obradoiros». O centro está nos programas CPInnova (excelencia educativa) e CPInclúe (inclusión), no Plambe (mellora da biblioteca) ou no plan Proxecta (vida activa e saudable).

Dous clubs de lectura

Este curso crearon os clubs de lectura, un para adultos (aberto a familias e a outros veciños, coa opción de seguilo a través da aula virtual da Xunta), con apoio da Ampa (que colabora en todo no centro), e outro infantil, os dous con xuntanzas mensuais. «Reunímonos para comentar o libro dese mes, con chocolate e biscoito. No infantil son 11 (oito nenas e tres nenos) e no de adultos, 13 (todas mulleres menos unha). Os adultos limos obras de Emilia Pardo Bazán, J. K. Rowling, Isabel Allende e Harper Lee, e quédanos Viento del Norte, de Elena Quiroga; a idea é continuar cos dous clubs o ano que vén», indica Montes.

A directora non se cansa de repetir que neste colexio «todo é para todos», incluído o horto exterior e os bancais que lles montou dentro o Concello. «Traballamos todos xuntos, e iso é unha marabilla, os grandes aprenden dos pequenos e os pequenos evolucionan máis rápido porque teñen maiores a imitar. Teñen distintas idades, pero coñécense e son amigos», recalca. Como docente, permítelle «saber as necesidades de cada un e incidir nelas».

O comedor tamén é parte da aprendizaxe, con Ricardo Durán, Ricky, nos fogóns. «Os nenos están encantados, comen moitísima verdura, peixe, froita...», comenta o cociñeiro. O xantar é outro momento de encontro e conversa entre nenos de distintas idades —«cada un conta as súas historias e todos se adaptan», remarca a directora—, sempre cun docente ou unha monitora (nai) en cada mesa. Nas clases de educación física, que imparte, utiliza un conto-motor, con ilustracións que van emulando os nenos, feitas por Alejandro Teijeiro, autor tamén dos debuxos das mascotas de cada materia que decoran corredores, aulas e biblioteca. Son as meigas Xesta e Hedra, os esquíos Uxío e Uxía, o moucho Moncho, o raposo Xurxo ou Xaquín, o xabaril. «As mascotas permiten levar o xogo ás actividades», explica Montes, vocacional e entusiasta da formación por competencias: «Intento facer o cole que me gustaría».

A tecnoloxía está moi presente nos centros educativos do rural, coma o CEIP O Marbán, das Somozas
A tecnoloxía está moi presente nos centros educativos do rural, coma o CEIP O Marbán, das Somozas

CEIP O Marbán, As Somozas: «Nas aulas mixtas uns aprenden dos outros e uns axúdanlles aos outros»

No CEIP O Marbán, nas Somozas, este curso hai 52 escolares en catro aulas, unha de infantil, con dez; unha de primeiro e segundo de Primaria, con 12; unha de terceiro e cuarto, con 14; e unha de quinto e sexto, con 16. O centro ten catro titores, un especialista en inglés e outro en música; tres docentes itinerantes, do CEIP Mosteiro de Caaveiro (A Capela), a orientadora e os especialistas de audición e linguaxe e pedagoxía terapéutica; e unha mestra compartida co CPI de San Sadurniño, a de relixión.

«É como unha familia grande», resume a directora, a ortigueiresa María Soledad Gómez López, titora de Infantil, que leva seis anos no centro. «Nos colexios pequenos é outro ambiente, coñecémonos todos, se hai algún problema vivímolo todos, se falta alguén, neno ou profesor, todos preguntan e estamos pendentes de como evoluciona», subliña, logo de pasar tamén por algún centro grande. A nivel pedagóxico, non ten dúbidas: «Ter nenos de diferentes idades non é unha complicación. As aulas mixtas sempre favorecen a aprendizaxe, uns aprenden dos outros e uns axúdanlles aos outros. E ti coñeces as dificultades que ten cada un deles».

Destaca a convivencia entre as distintas idades: «Xogan ao fútbol os de sexto cos de primeiro e segundo, e non se mancan... saben coidar uns dos outros». Neste sentido, refírese a unha actividade do CEIP, o apadriñamento lector: «Os nenos de quinto e sexto apadriñan aos doutros cursos, teñen que escoller un libro e lérllelo, e non é o mesmo facelo para un de oito anos que para un de tres, e eles adáptanse; antes de elixir o libro, no bus ou no recreo, pregúntanlles que lles gusta, e despois practican para ver como os van motivar, que teñen que facer para que estean atentos».

Tamén comparten as excursións —este curso xa foron ao cine e ao centro educativo da fauna salvaxe Codax, en Paderne, e van volver a Eumenatura, a Monfero, a petición dos colexiais que xa foron o ano pasado—, igual que as visitas —alumnado e docentes quedaron fascinados con Anxo Moure—. A directora aplaude a implicación da comunidade educativa (Anpa e familias) nas actividades lúdicas ou na xornada de convivencia con xogos tradicionais, e o apoio do Concello.

Entre os proxectos que desenrolan no centro están MeteoMarbán (observación meteorolóxica da zona), vida activa e deportiva (para fomentar a actividade física e a alimentación saudables), a iniciativa didáctica Antonio Fraguas (estudio do patrimonio e a historia) ou as investigacións que realizan en cada aula sobre diferentes temas (os de Infantil andan a voltas cos insectos) e despois comparten cos demais. Tamén teñen horto e o que producen prepárallelo Fran, o chef do centro. «Failles ilusión comer o que eles cultivaron e viron medrar. O cociñeiro é espectacular, cocíñao todo xenial e os nenos comen de todo, verdura, peixe... aos pais ás veces cústalles crelo». «Calquera colexio require docentes vocacionais [...], pero aquí coñecémonos todos e cada un é importante para todos», remarca, entusiasmada coa súa ula de pequenos de tres a seis anos. «É a etapa máis bonita e a máis gratificante —reitera—, pasan comigo tres anos, véxoos evolucionar e medrar, é como ter dez fillos. E despois, no recreo, véñenme saudar e abrazar os que xa están noutros cursos».

Alumnado e profesorado do CEIP de San Ramón, en Moeche, coa mascota Modestina
Alumnado e profesorado do CEIP de San Ramón, en Moeche, coa mascota Modestina

CEIP de San Ramón, Moeche: «Os maiores responsabilízanse moito dos pequenos»

Entre os pequenos, o CEIP de San Ramón, de Moeche, é o que ten máis matrícula, con 57 rapaces (18 na aula de Infantil e o resto de Primaria, agrupados por ciclos, 1.º e 2.º, 3.º e 4.º, e 5.º e 6.º) e nove mestres (tres itinerantes, con días noutros centros da comarca). Almudena Yáñez Rodríguez, de Sedes, leva xa dez anos de directora. «Son moi pouquiños nenos, é case coma unha clase particular, pódelos tratar de maneira individualizada cada día», subliña. Que a escola sexa pequena non significa que non teña iniciativa. Máis ben ao revés.

«Aquí temos moitísima actividade, facemos moitísimas cousas, ás veces demasiadas [ri], pero facémolas contentos porque os nenos aprenden con todas», recalca. O centro apuntouse ao plan de mellora de bibliotecas e aos programas de bibliotecas escolares creativas e solidarias, e lectura e familias, do plan LÍA (pola excelencia das bibliotecas); traballa no eido da normalización lingüística e sumouse ao plan Proxecta —pola igualdade e a educación afectivo-sexual, a mobilidade sostible (que traballan coa educación viaria), os hábitos de vida saudables ou a concienciación medioambiental—. Ademais de participar na Misión Alba (un desafío científico para nenos de 5.º e 6.º de Primaria) ou no Digicraft (competencias dixitais), e de ter o seu propio horto no recinto.

O ano pasado arrincaron coa radio escolar. «Gústalles moitísimo aos nenos, fano todo en equipo, redactan, aprenden a vocalizar, os maiores manexan os equipos... e logo failles ilusión escoitarse», indica a directora. Conta que este curso recibiron a visita das escritoras Yolanda Castaño e María Canosa, e do ilustrador Benxamín Míguez Novoa; e no mes de xuño teñen previsto acoller aos alumnos dos colexios das Somozas e da Barqueira: «Será o 23, iremos á feira e ao castelo, faremos unha sesión de xogos populares e convidarémolos a churros». Constata que «a maioría das actividades implican a todo o colexio», ás veces con sesións distintas adaptadas ás diferentes idades. Hai outra iniciativa que destaca, a árbores dos valores, que lles serve para a resolución dos conflitos que poidan xurdir no centro. «Cando hai un problema no recreo, por exemplo... pintan unha mazá marrón co valor negativo e a verde colócana na árbore co compromiso de non volver facelo. Os maiores responsabilízanse moito e os pequenos ábrense máis con eles que con nós», recoñece.

No comedor tamén se xuntan, «e os grandes axúdanlles aos pequenos»: «Coa cociñeira é un luxo, comen moi ben, o primeiro ano cústalles coas verduras e o peixe, pero logo se animan». Remarca a «moi boa» relación coas familias e co Concello. Que nota lle poría ao centro? «Un dez. Tiven aquí ao meu fillo e hai algún profesor que os trae tamén».

Os catro docentes, a cociñeira e a conserxe do CEIP Francisco López Estrada, de O Barqueiro, en Mañón
Os catro docentes, a cociñeira e a conserxe do CEIP Francisco López Estrada, de O Barqueiro, en Mañón

CEIP Francisco López Estrada, O Barqueiro (Mañón): «Coñecer o entorno familiar dos nenos é moi importante»

Con 46 colexiais e catro mestres (máis a de relixión, que vén da Barqueira, e o orientador, de Ortigueira), o CEIP Francisco López Estrada, do Barqueiro, é o máis pequeno da comarca. Entre o alumnado hai menores alemáns, «dunha familia que vive nas Grañas do Sor e outra no Baleo, á que non lle correspondería, pero como lle gustou moito á nai, trae a nena», comenta M.ª Soledad Díaz López, Sole, directora e mestra de inglés. Sinala a falta de docentes como o principal problema: «Se un día enferma un xa hai que reorganizalo todo, un mestre máis é necesario».

Na aula de Infantil hai 13 pequenos; na de 1.º, 2.º e 3.º, 17; e na de 4.º, 5.º e 6.º, 16. «Para os nenos é unha vantaxe para traballar de forma cooperativa, porque estamos acostumados por estar as idades mesturadas, entón o traballo en proxectos é bastante fácil», remarca. «Isto é como unha familia —conclúe—, coñeces a todos os nenos e o que os rodea e iso é moi importante, e logo está o entorno rural, un recurso impresionante por si mesmo».

Este centro apúntase a case todo. Este curso conseguiron sumarse a Polos Creativos, un proxecto de innovación que lles aportou un equipamento especializado. «Habilitamos un espazo no centro, está enfocado a fomentar a creatividade a través da superación de retos, a resolución de problemas, a realización de prototipos...», detalla a directora. Traballan a intelixencia artificial, a robótica, a realidade aumentada, a creación audiovisual ou a impresión 3D. Coa súa iniciativa Río Sor: unha ponte á natureza, participan no Proxecto Ríos, con investigacións sobre a flora e a fauna fluvial, a conservación do medio ou o patrimonio.

«Fóronse creando produtos finais audiovisuais, presentacións, vídeos, infografías ou trípticos», indica Díaz López. Tamén fixeron unha limpeza en Esteiro e agora están a elaborar pezas artesanais e outros produtos con material de refugallo. Como exemplo, conta que cos equipos de robótica do Polo Creativo deseñaron un sistema de rego automático de plantas con envases de iogur e botellas de plástico. Este CEIP participa na modalidade Eduinnova do CPInnova, «aprendizaxe a través da mellora permanente», e no Digicraft, da Consellería de Educación e Vodafone, para desenvolver as competencias dixitais dos escolares. E desde hai unhas semanas están inmersos nun novo proxecto, da man dunha nai, a historiadora e xornalista alemá Janine Funke, experta en pódcast. Aproveitan así o material de gravación de audio do Polo Creativo para crear varios pódcast, como xermolo para a posta en marcha dunha radio escolar. Outra nai colabora «moitísimo» no horto escolar.

O profesorado está inmerso no Erasmus +, con mobilidades formativas ao estranxeiro, co Centro de Formación e Recursos (CFR) de Ferrol, co que tamén andan no proxecto Blended Learning For All, con socios de Turquía, Hungría e Portugal. A directora resalta a axuda do Concello e a colaboración con colectivos culturais como Nordés (polo Día dos Océanos) ou O Son do Sor (que ensinou ao alumnado a bailar muiñeira, para actuar na praza do Mesón o 16 de maio, para celebrar as Letras Galegas).

O cultivo do horto representa toda unha experiencia para os máis pequenos, na foto no CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro, da Capela
O cultivo do horto representa toda unha experiencia para os máis pequenos, na foto no CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro, da Capela

CEIP Plurlingüe Mosteiro de Caaveiro, A Capela: «Hai moita máis actividade que nun centro grande»

Nun colexio pequeno coma o CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro, da Capela, «hai moita máis actividade que nun centro grande, e a atención non podes comparala, de ter 12 ou 13 nenos por aula a ter 25, iso é o principal, algo do que moitos pais non se dan conta e pensan que é prexudicial que haxa nenos xuntos de distintas idades, veno coma un inconveniente ata que llelo explicas. Todo o contrario, aprenden uns doutros e trabállanse valores moi importantes, coma o respecto, a paciencia, a empatía...», subliña a vilalbesa Beatriz Méndez Orosa, directora desde hai cinco anos deste colexio, fundado no curso 1979-1980. No centro conviven 55 alumnos —distribuídos en cinco unidades: Infantil, con 10; 1.º e 2.º de Primaria, con 12; 3.º e 4.º, con 13; 5.º, con 11; e 6.º, con 9— e máis 11 docentes —os tres do departamento de orientación compártenos, a orientadora cos centros de Moeche e As Somozas, e os especialistas en audición e linguaxe e pedagoxía terapéutica, co das Somozas—. Tamén dispoñen de conserxe, de 9.00 a 13.00 horas, e limpadora (ambos por conta do Concello) e servizo propio de comedor, con cociñeira e axudante.

Para Méndez Orosa, mestra de Infantil, o agrupamento de menores de distintos niveis representa «unha oportunidade marabillosa para desenvolver proxectos cunha enorme garantía de éxito, xa que a interacción entre idades diversas fai que a experiencia sexa moito máis enriquecedora, e que inflúa en positivo na vida do alumnado». No seu caso, entre pequenos de tres a cinco anos, destaca que «os de tres e catro xa coñecen todas as letras, e algún xa silabea, polo que observan e escoitan da explicación que lles dás aos maiores, igual que pasa na lóxica matemática, saben contar antes».

A directora eloxia o traballo do claustro, «moi dinámico e implicado, e con alguén sempre disposto a botar unha man». Explica que este ano recibiron formación de metodoloxías activas, «entre outras a disciplina positiva», co fin de «seguir ofrecendo unha educación de calidade» aos escolares. O dinamismo do centro reflíctese nos programas e proxectos nos que participa, partindo do PDI (proxecto documental integrado) titulado Coñece a túa contorna, que comezou o curso pasado e remata este. De aí que moitas das iniciativas que desenrolan estean vinculadas co medio ambiente. Participan en E-dixgal (implantación do libro dixital), o plan de mellora das bibliotecas escolares (Plambe) e Biblioteca Creativa, o plan Proxecta+ (proxecto Ríos, Meteoescolas e Protexe os animais), Contratos-Programa Innova (EDUsostibilidade) e Digicraft (formación en competencias dixitais, neste caso para 5.º e 6.º, con ordenadores, tabletas gráficas, cámaras web e outros materiais). Son centro plurilingüe (desde o curso que vén toda a etapa de Primaria) e plurinfantil (en contacto coa lingua inglesa desde os primeiros anos). E cultivan un horto. A directora recoñece o apoio da Anpa, que organiza as actividades extraescolares e participa na vida diaria do centro, e do Concello: «Agradezo a axuda da comunidade educativa, entre todos fan que sigamos apostando por manter viva a escola do rural».