«As cooperativas estamos loitando para saír adiante»

A sociedade radicada no municipio coruñés da Capela constituíuse hai medio século e Ana Vence leva catro décadas traballando nela, loitando polo recoñecemento do requeixo e do resto dos produtos da marca. Entende que para competir hai que ofrecer calidade, defende o movemento «slow food» e unha renda básica para o sector agrogandeiro, que axude a combater o abandono do rural


Redacción / La Voz

A Cooperativa de Produtores Campo Capela cumpriu medio século en 1969 e Ana Vence Permuy (A Capela, 61 anos) leva catro décadas traballando na sociedade. Agora é a xerente, aínda que ela defende, por riba de todo, o traballo dos socios -na actualidade, 255, dos que 40 son produtores lácteos- e do consello reitor. «Comecei de administrativa, sempre fixen ese traballo e estou ao fronte da xerencia por casualidade, esperando que outra xente máis nova tome o relevo», sinala, restándose méritos. A sociedade constituíuse en 1969 e a queixería montouse no 2005. Campo Capela move arredor de 320 toneladas de leite ao mes, das que transforma algo máis do 30 %, e factura uns 2,8 millóns de euros anuais. O ano pasado investiron 300.000 euros en ampliar a fábrica.

-Coa ampliación da queixería pretendían poder dobrar a produción. ¿Xa se está notando?

-Aínda non a acabamos de todo, é difícil porque estamos nun momento complicado para ter liquidez. Esta cooperativa sempre se defendeu moi ben, pero agora as circunstancias do campo son distintas, apóiase máis aos grandes que aos pequenos. As cooperativas quedamos no medio, nun limbo, porque temos actividades diferentes e non nos corresponden moitas das axudas que hai. É difícil subsistir para os socios e sen os socios non subsiste a cooperativa. Son explotacións moi pequenas, con poucas axudas e moitos inconvintes. E van desaparecendo. Miras pola ventá da cooperativa e ves como medra a maleza. O momento é difícil, con prezos baixos para os gandeiros. Non vexo a ilusión de antes, cando sacaban para vivir e para ir reformando e adaptando as explotacións, cando se subvencionaba a compra de maquinaria usada, non coma agora, que só se subvencionan os equipos novos, igual que nos pasa na fábrica.

-¿Que saída ve para frear o abandono do campo?

-A xente que vive e traballa no campo, nestas explotacións pequenas, é a que mantén o territorio coidado. O ideal sería facer coma noutros países, onde axudan cun complemento económico ás familias que quedan no rural, se manteñen a produción e teñen limpas as terras. En definitiva, por manter unha forma de vida.

-¿Como se compite con esta dimensión e nun escenario así?

-Facendo un produto tradicional da mellor calidade posible, con materia prima de proximidade (a granxa máis distante á que lle compramos o leite está a vinte quilómetros). Pero hai produtos coma o requeixo, un queixo tan bo e tan san, que se esqueceu no medio das grandes producións industriais e as grandes áreas [...]. O noso sempre foi a elaboración artesanal, temos moi pouca mecanización na fábrica. Comezou así porque daquela ao mellor era o que se sabía facer, empezouse co requeixo. Segue sendo todo con leite cru e sen aditivos.

-¿O reto segue sendo potenciar as exportacións?

-Si, pero pouco a pouco. Galicia é o noso mercado principal. Tamén vendemos en Madrid, en Barcelona ou en Levante, e algo en Dinamarca, pero as vendas fóra de España son case simbólicas.

-¿Axudan os recoñecementos en concursos nacionais e internacionais, coma os que levan tido en Campo Capela?

-Si, a marca vai medrando, vai sendo máis coñecida, pero leva tempo. Agora estamos intentando consolidar os queixos que xa foron recoñecidos, e sempre estamos investigando para facer algo novo. Para os concursos non elaboramos un queixo específico, levamos o que temos na cámara, cos matices do leite dese día. Pero si que se traduce en máis vendas, sobre todo polo boca a boca.

«O poder desta cooperativa foron e son as mulleres, sempre estiveron no consello reitor»

Ana Vence Permuy ten claro que «o poder desta cooperativa foron e seguen sendo as mulleres, que sempre estiveron representadas no consello reitor. A anterior presidenta e a actual vicepresidenta son mulleres». O peso feminino nesta sociedade vén de vello: «Dábase a circunstancia de que os homes traballaban nos estaleiros, en Ferrol, ou en Endesa, nas Pontes; as mulleres facíano na explotación e as que facían o traballo principal e viñan ás reunións da cooperativa eran elas. As iniciativas viñeron por elas», subliña.

-Vostede sempre fala de Manuela Permuy...

-Foi unha presidenta marabillosa e agora segue de socia e continúa traballando e facendo cousas importantes pola cooperativa e o consello reitor, que case sempre é paritario, sen forzalo, dun xeito natural. Sempre se considerou que se as mulleres eran as titulares das explotacións eran as que tiñan que estar.

-Campo Capela forma parte do grupo de «slow food» Alimentos del Camino de Santiago, xunto con outras doce empresas de toda España. ¿Con que fin?

-As queixerías que estamos [tamén hai marcas de sidra, mel, aceite e cava] compartimos unha mesma filosofía, producir con leite propio, a poder ser, e se non, de proximidade, e dun modo respectuoso co medio ambiente. Coa idea de contribuír a preservar o medio rural e que a xente siga vivindo no campo.

-Co queixo mouro conseguiron a medalla de ouro nos World Cheese Awards do 2018, en Noruega, e outros premios antes. E non é a única variedade que vai conquistando padais polo mundo. ¿En que traballan agora?

-Estamos probando... Este ano, El Corte Inglés elixiu o mouro [un queixo do país con dous meses de maduración, cun baño de café e un toque de canela] dentro dos produtos especiais de Nadal, e estivo á venda en toda España. Hai outros eventos importantes para nós. E mesmo que restaurantes coma Bokado, de Irún, estean traballando cos nosos produtos, igual ca Pepe Vieira [cunha estrela Michelín, en Poio]. Iso tamén che axuda á promoción e a saír adiante.

-A principal vía de ingresos da cooperativa é a tenda agraria.

-Si, é o motor económico e querémola reformar agora. Desde Ferrol ata As Pontes foron desaparecendo case todas.

As vantaxes de vivir nun pobo

Ana Vence Permuy dedica moitas horas ao traballo, representa á Cooperativa de Produtores Campo Capela en feiras, certames e outros eventos, dentro e fóra de España. Pero se algo lle gusta, ao marxe da actividade profesional, é colaborar cos veciños. «Cando vives no rural iso é algo moi importante», destaca. Ela faino a través da música. Ata hai pouco formou parte do coro da Escola de Música da Capela e agora toca a pandeireta no grupo de música tradicional Silbarda. «Facemos cantos de taberna, ímoslles cantar aos maiores... Vivir nun pobo ten a vantaxe de que un día tocas ti só e outro tes a oportunidade de facelo cuns rapaces que tocaron con Carlos Núñez [como lles ocorreu hai pouco interpretando unhas panxoliñas]», comenta. E se algo lle preocupa é o porvir do campo, que ve esmorecer polo abandono das explotacións e a falta de ilusión, por mor das dificultades do mercado e da falta de apoio das Administracións.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
1 votos
Comentarios

«As cooperativas estamos loitando para saír adiante»