Secundino García Mera: «A xente das Terras do Eume mantén vivas as auténticas raíces de Galicia»

Defende a maneira de vivir e os valores do mundo rural, que segue a perder poboación


redacción / la voz

Secundino García Mera (O Cal da Mourela, Neda, 1951), mestre de formación e de vocación, foi un auténtico precursor dos estudos etnográficos na comarca, e moi especialmente nas Terras do Eume. Fundador do Museo Etnográfico da Capela, que segue dirixindo, desde hai decadas leva a cabo un constante labor de investigación destinado a rescatar, para a memoria das xeracións futuras, un patrimonio inmenso. O patrimonio que fala, a miúdo sen necesidade de palabras, da verdadeira alma de todo un pobo: a súa maneira de transitar a historia e de vivir.

-Vostede chegou á Capela, como mestre, no ano 1978. E desde aquela quedou a vivir nese municipio, a medio camiño entre as terras da mariña e as terras da montaña. E foi director do colexio Mosteiro de Caaveiro ata a súa xubilación como docente, no 2011. Agora xa é vostede un capelán máis, ¿non?

-Así é. Vin destinado para A Capela como puiden vir para outro lugar calquera, pero desde o primeiro momento gustoume moito isto e decidín quedarme. E hoxe son un veciño máis, si. Levo corenta anos aquí, e síntome completamente integrado neste mundo. A Capela é a miña terra de adopción, o lugar no que decidín quedar a vivir. As cidades nunca me gustaron moito.

-¿Cal é o maior rasgo diferencial das Terras do Eume?

-O primeiro rasgo diferencial é a paisaxe. O Eume determina unha paisaxe verdadeiramente singular. Ten un carácter propio. E a xente das Terras do Eume mantén vivas as auténticas raíces de Galicia, a verdadeira esencia do país. Sen ir máis lonxe, abonda con ver o que acontece coa lingua. A Capela, aínda estando tan cerca de Ferrol, dentro do triángulo que conforman o propio Ferrol, As Pontes e Pontedeume, segue sendo un lugar no que os nenos se expresan en galego, e iso é algo moi fermoso para min. Pero ademais é que a xente da Capela ten unha maneira de ser que a min me gusta moito. Cando cheguei aquí sentinme moi ben aceptado, moi ben acollido. Establecín cos pais unha relación que sempre foi de colaboración, de axuda mutua. E iso foi sempre un sinal de identidade do centro. Iso animoume tamén moito a quedar.

-¿O mundo rural galego segue a ser un mundo moi diferente do urbano?

-A Galicia rural e a Galicia urbana seguen a ser moi distintas hoxe. Con independencia de que a zona rural, progresivamente, se vaia achegando hoxe aos costumes, as formas e os modos do espazo urbano. Pero hai cousas que seguen a ser moi diferentes. Na Galicia rural os lazos familiares continúan sendo moito máis intensos, os maiores seguen convindo nas casas coas xeracións seguintes, e a rotura dos elementos de cohesión afectiva non foi tan rápida. A xente da Galicia rural sempre ten un lugar ao que volver, algo ao que se sente unida e co que se sente identificada.

-¿E ese xeito de vivir desaparecerá?

-Eu penso que vai haber un cambio, pero para ben. Nalgún momento Galicia reflexionará e tomará conciencia de que o mundo rural hai salvalo. Pero iso require medios e recursos. Se non se lle axuda, todo este mundo tan valioso vaise perder.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos

Secundino García Mera: «A xente das Terras do Eume mantén vivas as auténticas raíces de Galicia»