Fene ofrecerá un curso de introdución á lingua galega en setembro

LA VOZ FENE

FERROL

Casa da Cultura de Fene.
Casa da Cultura de Fene. CESAR TOIMIL

Ofértanse 20 prazas e as clases desenvolveranse na casa da cultura os mércores e os venres de 17.00 a 20.00 horas

01 jul 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Este venres, 3 de xullo abre o prazo de inscrición para o curso de introdución á lingua e á cultura galega que organiza a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa colaboración do Concello de Fene. A acción formativa, dirixida a persoas maiores de 16 anos interesadas na aprendizaxe da lingua e a cultura galegas nun nivel inicial, desenvolverase na casa da cultura de Fene do 4 ao 30 de setembro, os mércores e venres, de 17.00 a 20.00 horas.

As persoas interesadas en anotarse poderán facelo do 3 ao 23 de xullo, presencialmente no Departamento de Cultura e Deportes ou no correo: cultura.deportes@fene.gal. O número de prazas é limitado (máximo 20 persoas) e, ao remate do curso, entregarase diploma.

A duración do curso será de 20 horas. Nelas estudaranse nocións básicas de lingua galega xunto con outras de carácter cultural. Na parte de gramática haberá unha introdución á fonética do galego, xunto coas distintas clases de palabras, ortografía básica e outros recursos de utilidade para a comunicación na vida cotiá. Incluiranse, así mesmo, contidos relacionados coa cultura e a historia de Galicia.