Homenaxe aos directivos que tivo a Sociedade de Instrución e Recreo La Devesana desde 1992 

A. C. ORTIGUEIRA / LA VOZ

FERROL

<span lang= gl >Fachada da escola fundada hai máis dun século na parroquia de Devesos, hoxe local social</span>
Fachada da escola fundada hai máis dun século na parroquia de Devesos, hoxe local social

O último día de 1907, emigrantes da parroquia de Devesos, en Ortigueira, decidiron na Habana fundar unha escola laica

22 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A Sociedade de Instrución e Recreo La Devesana renderá homenaxe aos directivos que pasaron por ela desde 1992, «cando conseguiron devolverlle a vida cultural, deportiva e social a aquela fermosa obra indiana, esquecida e apagada desde a Guerra Civil», como recorda o actual presidente, Emilio Castro. Será este sábado, día 23, ás 20 horas, cunha actuación da rondalla ferrolá Ondas do mar e a entrega de agasallos aos distinguidos, así como un convite no salón social. Os «beneméritos» fundadores da sociedade reuníronse o último día do ano 1907 na Habana para crear unha escola laica na súa parroquia, Devesos (Ortigueira).

Castro subliña que os promotores impulsaron un centro «que superase as eivas que eles mesmos tiveran que vivir naquelas escolas de finais do XIX carentes de condicións hixiénicas, de profesorado cualificado e de autonomía fronte a unha Igrexa que controlaba os corpos e as almas dos seus parroquianos». «Aqueles sacrificados fundadores valoraron e premiaron aos colegas que traballaron arreo para poñer en pé aquela filantrópica idea e adoitaban celebrar actos para homenaxear aos socios e directivos que se distinguían polo seu sacrificio e colaboración coa entidade», engade.

Nesta mesma liña, a actual directiva da Sociedade devesana «que segue desenvolvendo as súas actividades no magnífico edificio escolar herdado daqueles emigrantes» quere honrar a todos os que os precederon ao fronte da entidade.