As Pontes recrea a festa tradicional da Fraga na Romaría das Merendas

LA VOZ AS PONTES

FERROL

<span lang= gl >Ambiente festivo na Romaría das Merendas, cos veciños caracterizados coma nos anos 50, nunha imaxe de arquivo</span>
Ambiente festivo na Romaría das Merendas, cos veciños caracterizados coma nos anos 50, nunha imaxe de arquivo CONCELLO AS PONTES

A nova edición terá lugar o 13 de xuño, con xantar, xogos populares e foliada

16 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

As Pontes volve recrear as tradicionais festas na Fraga de Dona Rita cunha nova edición da Romaría das Merendas. Será o 13 de xuño, unha xornada na que soará a música tradicional, con baile, gastronomía popular e convivencia veciñal, como subliñan desde o Concello. Velaí vai outro baile é o lema do evento «que recupera o espírito das antigas romarías galegas». Por iso se convida aos asistentes a vestirse con indumentaria propia dos anos 50 «que contribúa a recrear o ambiente festivo desa época».

«Non é só unha festa, senón tamén unha maneira de reivindicar a nosa identidade cultural e de manter vivos costumes populares que forman parte da memoria colectiva das Pontes», subliña a concelleira de Cultura, Lorena Tenreiro. A festa arrincará á unha da tarde, cunha exposición de coches antigos e sesión vermú, coa Escola Municipal das Pontes, No Cómbaro da Casa e Troula do Ortegal. Ás tres abriranse as merendas (non hai postos de comida nin de bebida, cada grupo ten que levar o seu xantar) e ás catro comezarán os xogos populares con Picariños, e haberá un obradoiro de iniciación ao baile tradicional, que estará aberto a todos os públicos.

A Foliada Estelar irá das seis da tarde ás once da noite coas agrupacións Aquí e Alá (de Outes, Lousame), Trío Prata (Ames e Teo), Os Charanghaitos (Forcarei), As Ferriñas (O Vicedo), Os da Cochera (Vigo), Gamelas e Anduriñas (Espasante) e The Westering Sun, formación vinculada a Escocia e Galicia. «É un punto de encontro cultural e musical moi especial», di Tenreiro.