Viaxe á noite máis escura con Chévere: «A historia de Bóveda é a de Lorca»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida NARÓN / LA VOZ

FERROL

Miguel de Lira, na representación da obra que chega este domingo a Narón.
Miguel de Lira, na representación da obra que chega este domingo a Narón. Grupo Chévere

«ICTUS» chega o domingo a Narón, con Miguel de Lira nesta autopsia sobre a obra de Castelao

15 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia viaxa nun círculo pola eternidade, chea de traxedias e azares. Así é como Castelao e Alexandre Bóveda se fixeron amigos, así é como o primeiro (case cego) debuxou a súa obra mestra sobre o asasinato do ourensán. E así o Grupo Chévere, nun gran xogo de bonecas rusas, realiza o seu ICTUS. Anatomía de «A derradeira leición de Castelao» que se representará este domingo en Narón (Pazo da Cultura, 19.00 horas). Como indica un dos seus protagonistas, o recoñecido Miguel de Lira, «a historia de Bóveda pode ser a de Lorca pero tamén a de tantos outros aos que mataron sen nome, a nosa viaxe é pola memoria democrática galega pero tamén pola memoria universal».

 

As primeiras representacións deste ICTUS chegaron despois do 75 aniversario da morte de Castelao (de cancro de pulmón en Bos Aires). Pero a idea desatouse no seguinte momento: «Cando o cadro A derradeira lección do mestre chega á Cidade da Cultura en 2018, o entón presidente Feijóo fixo un descurso con moitas omisións... e amosounos como se pode cambiar o relato histórico, como se pode inventar un novo pasado mesmo sobre o asasinato de Bóveda». Como recorda Miguel de Lira, este espectáculo documental (coproducido co Centro Dramático Nacional) «parte da seguinte situación: a memoria individual dunha muller que sufre un ictus vendo este cadro, falamos do golpe de estado de 1936 ... e precisamente ictus significa golpe en latín».

 

O cadro é o gran protagonista desta obra.
O cadro é o gran protagonista desta obra. Grupo Chévere

 

Chévere quixo representar «a importancia de non esquecer, porque se ti esqueces outros contarán un relato inventado». E a súa dramaturxia contemporánea camiña así «pola memoria colectiva, a memoria individual e a memoria do propio cadro». As referencias son inesgotables, como inesgotable é a investigación sobre a Guerra Civil. Xa o cartel da obra semella camiñar da man da Lección de anatomía do Dr. Nicolaes Tulp (pintado en 1632 por Rembrandt). E Chévere tamén aborda «o xuízo farsa con falsos testimonios que se facía na época e polo que foi condenado a morte e posteriormente fusilado un inocente como Alexandre Bóveda o 17 de agosto de 1936». Só tiña 33 anos.

 

 

A cara dun amigo

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao inmortalizou a cara do amigo na súa homenaxe trazada en Arxentina en 1945 (a partir dun primeiro debuxo feito anos atrás). Corre o sangue no chan pero non desaparece a dignidade «dun home que ía para ministro de Economía, cunha gran carreira por diante». E este ICTUS tamén cruza o océano do exilio, con Castelao «cheo da impotencia dos que non puideron facer nada contra un golpe de estado, e co desgarro desa amistade que tiña con Bóveda».

 

A obra que chega ao Pazo da Cultura integra ademais en escena a lingua de signos (LSE) para persoas xordas signantes e conta con audiodescrición en directo. A dramaturxia e dirección corren a cargo de Xron. E permiten viaxar pola noite máis escura, desde Galicia a Arxentina con volta a Galicia, desde o asasinato de 1936 ata noventa anos despois. «Nunha reflexión ante a ultradereita»... e nun renacer dos mortos daquel verán.

Representación da obra  ICTUS  por parte do Grupo Chévere.
Representación da obra ICTUS por parte do Grupo Chévere. Chévere

Representacións no horizonte por toda España

ICTUS pasará polo Festival de Ribadavia no mes de xullo, e continuará coa xira galega despois do verán. E tamén estará cinco semanas en cartel sobre o mes de outubro no Teatro Valle-Inclán en Madrid, ao tratarse dunha obra coproducida co Centro Dramático Nacional. Ademais a xira continuará durante o ano 2027, coincidindo co corenta aniversario do Grupo Chévere.

De Ferrolterra, Miguel de Lira ten grandes recordos como cando rodou Rapa ou mesmo parte de Clanes. Nesta última serie de Netflix, aínda que está ambientada nas Rías Baixas, parte da rodaxe foi en Ares: «Luis Zahera e eu vivimos nuns apartamentos, e víamos ás mulleres preparando as alfombras florais que tamén vemos noutras partes de Galicia».

Por iso, para Miguel de Lira o seu traballo tamén lle aporta a sensación de «ir dun lado a outro de Galicia cruzando todas esas alfombras de flores».