Eyerus Dono, actriz en Narón de 18 anos: «Non hai nada como o subidón do teatro»

Patricia Hermida NARÓN / LA VOZ

FERROL

Eyerus Dono, actriz en Narón
Eyerus Dono, actriz en Narón LV

Entre as xoias do concello naronés, destacan as Escolas do Padroado de Cultura. Na de Teatro está esta rapaza, chea de futuro e presente; que participará nun musical en galego

17 may 2026 . Actualizado a las 17:17 h.

Con 18 anos e veciña de Santa Icía, Eyerus Dono amosa nos seus ollos toda a maxia das bambalinas. Estuda na Escola de Formación de Actrices e Actores da Escola de Teatro de Narón, dentro dun Padroado de Cultura cheo de posibilidades.

—Como empezou o seu amor polas táboas?

—Empecei xa hai catro anos recibindo unhas clases no Padroado, tamén estudei actuación na Coruña e polas boas referencias decidín apuntarme á Escola de Teatro de Narón. Hai un mito de que como actriz vas gañar cartos e fama. Pero a min chamábame a atención a idea de facer mundos pequenos, de vivir outras vidas, facer realidade as historias.

—Que hai dun musical en galego no que participará?

—Trátase dun musical en galego que aínda está en produción, formarei parte do elenco pero pouco podo dicir aínda! Mentras tanto, vou cada semana oito horas á Escola de Teatro, cun gran equipo de docentes. E tamén estudo no Conservatorio de Música de Ferrol, estou rematando a especialidade de Percusión e ademais vou en Primeiro de Canto.

—Cal foi a súa primeira sensación ao subir ao escenario?

—Eu xa subía porque facía música e baile. Pero aínda así recordo moitos nervos no primeiro día de teatro, aínda que subira máis veces ao escenario, por moitas veces que subas... é unha sensación que tes sempre, os nervos. E se non os notas, é que algo malo pasa!

—Hai moita paixón en Narón por este mundo?

—No instituto e no cole xa íamos ás obras no Pazo da Cultura. E agora constato a gran paixón polo teatro que hai en Narón, con moitas posibilidades para facelo e velo.

—Que personaxe lle gustaría facer?

—O de superheroína. E encantaríame entrar no cine, claro.

—Algún actor ou actriz favoritos?

—Os meus referentes foron os que saían nas series e películas da tele. Encántame Milo Manheim, o primeiro que vin del foi un musical de Disney e agora chega a España a gravar.

—O seu soño é o musical?

—Permite moitas disciplinas e formas de expresarte.

—Hai un subidón cando se monta sobre as táboas?

—Non hai nada como o subidón do teatro, como subir ao escenario. Hai moitos nervos, pero transfórmanse en moita enerxía para dar o mellor de ti. Trátase realmente dunha experiencia única.