As Letras Galegas traen á comarca música, teatro, maxia e lecturas da obra de Caamaño

A. C. FERROL / LA VOZ

FERROL

Fotografía de Begoña Caamaño, homenaxeada este ano coas Letras Galegas.
Fotografía de Begoña Caamaño, homenaxeada este ano coas Letras Galegas. XOAN CARLOS GIL

Os concellos programan actividades para recordar a obra e a figura da xornalista e escritora

17 may 2026 . Actualizado a las 17:36 h.

A comarca entrégase ás Letras Galegas. O Concello de Ferrol e a Agrupación das Asociacións Veciñais do Rural únense nun acto institucional o día 17 (17 horas), no local do colectivo de Mandiá. Amancio Prada actuará o día 16 (20.30) no teatro Jofre; e o 17 (19.30), Lenda Ártabra dará un concerto gratuíto no centro cultural Torrente Ballester. A maiores da exposición aberta na praza de Armas ata o 19 e a dedicada á vida e obra de Rosalía, que se inaugura o 15 no Carvalho Calero.

Valdoviño convida a participar na actividade Begoña Caamaño estivo aquí!, este venres, día 15 (19.30 horas), na biblioteca municipal. A mestra e directora de teatro Pim Patinho ofrecerá unha charla sobre a xornalista, coa que mantivo unha relación de amizade. Maio, con Lorena Hermida e Jorge Casas, poñerá a música. Conta co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta. E o domingo (20 horas), haberá un concerto de Encrucillada na área recreativa As Forcadas (se chove, trasladarase ao local do centro cultural Rosalía, de Vilaboa).

O mago Charlangas actuará hoxe (19) na biblioteca de Ares e o sábado será a segunda Festa das Letras Galegas, promovida pola comisión de festas do San Roque en colaboración co Concello. Comezará ás 13 horas na praza da Constitución, coas gaitas de Trouleada, comida tradicional e hamburguesas; e ás 18.30 chegará o espectáculo de rock de Pakolas. O programa municipal rematará o día 20 con obradoiros infantís na Alianza Aresana.

En Cabanas, o colectivo Tarde Piache organiza unha proxección da peza audiovisual Sen Alma, unha longametraxe fantástica dirixida por Iria Barrado, este venres (20), con entrada libre; e o Concello programa un pasarrúas do grupo Os Viqueiras de Ordes para o domingo (11) e un obradoiro infantil (11.45), no parque do Areal, con merenda.

San Sadurniño adiantou o iniciou dos actos ao 11, cun obradoiro de caligrafía creativa, e continuará o 22 (19) na Casa da Cultura, con Trémola Teatro e o espectáculo As letras que voan con nome de muller; e o 24 (20), con Nabiza Girl, a superheroína da fouciña máis xenuína e enxeñosa, da man de Isabel Risco e Alberte Bello, no local social de Lamas. O concerto de Nimbos, previsto para este venres, adiouse.

A Asociación Cultural Apelón Educación conmemorará o 17 de maio en Mugardos, no Ratón (se chove, na carpa do Club de Mar), cun obradoiro de baile galego para nenos e maiores (11.30), unha lectura da obra de Caamaño (13), un concerto de As Pías (13.30), un xantar de irmandade no Club do Mar (15) para socios e xogos populares (17.30).

Na biblioteca de Mañón, no Barqueiro, pódese ver unha exposición sobre a vida da homenaxeada; e no centro sociocomunitario proxectarase Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, este venres (19). O 22 haberá teatro (12) e o pontés Xosé María Ferro Formoso presentará a súa novela Oblea, ás 19, na biblioteca.